Escoitar

O Concello controlará as obras do paso subterráneo no Troncal para minimizar o seu impacto

O alcalde, Ventura Pérez Mariño, e o concelleiro de Tráfico, Xulio Calviño, visitaron as obras realizadas polo paso soterrado no Troncal, á altura da construcción do novo centro comercial Carrefour.

martes, 8 xul 2003
Acompañados por técnicos municipais, fixeron un percorrido pola zona para prever as consecuencias que no tráfico podería ter a apertura dun centro comercial destas características previsto para o próximo mes de outubro.

Desde o Concello pedíuselle á empresa a adopción de medidas necesarias para minimizar o impacto das obras como facilitar a mobilidade dos vehículos que pasen pola zona, a toma de medidas que garantan a seguridade dos peóns e a limpeza do lugar.

Calviño advertiu a empresa constructora que realizará un control estricto para o cumprimento dos prazos de obra e se farán as xestións necesarias para que as consecuencias sexan as menores posibles. Ademais, realizarase un control semafórico desde a Sala de tráfico do Concello para supervisar a saída de vehículos e tomar as medidas de seguridade oportunas.

Con esta visita, o alcalde e o responsable de Tráfico pretenden analizar as consecuencias que pode ter esta obra para o paso de vehículos cando se abra o centro comercial.