Escoitar

Parques e Xardíns poda unha arboreda de Samil para evitar caídas de ramas

A Concellería de Parques e Xardíns decidiu podar parte dunha arboreda de Samil, debido aos desprendementos padecidos de pólas e troncos que lles afectaron a catro vehículos estacionados, co fin de ofrecerlles as máximas garantías de seguridade aos cidadáns.

martes, 8 xul 2003
O pasado 15 de xuño produciuse un desprendemento dunha póla de grandes dimensións que lle afectou a catro vehículos aparcados en Samil sen ocasionar danos persoais aínda que había moita xente no lugar. Como consecuencia deste feito, observáronse en puntos de inserción de pólas e troncos gretas significativas que facían presaxiar un inicio de rotura.

Desde o departamento de Parques e Xardíns apúntase como unha posible causa "unha excesiva carga foliar producto da gran vascularización provocada por temperaturas anormalmente elevadas, polo que se decidiron eliminar estes ramallos puntuais que podían supór un risco potencial", recolle o informe.

A raíz do temporal sufrido o 29 e 30 de xullo observouse que había moitas máis pólas afectadas que estaban desprendéndose, polo que se decidiu valar a zona e proceder a liberar de peso toda a arboreda. Despois desta primeira fase, realizarase unha poda máis adecuada en época de parada vexetativa.

Esta arboreda de Samil mantíñase no seu estado natural e o departamento de Parques e Xardíns actuaba unicamente nas ramas inferiores mortas por falta de luminosidade, evitando podas innecesarias e os conseguintes procesos de putrefacción que, no caso dos chopos, son máis significativos.