Escoitar

Delegados de Medio ambiente do Eixo Atlántico reúnense en Vigo

O alcalde, Ventura Pérez Mariño, e a concelleira de Medio ambiente, María Xosé Porteiro, asistiron ao acto de clausura do encontro de representantes do Eixo Atlántico que estableceron as condicións para pór en marcha o proceso da Axenda 21. A comisión delegada das concellerías de Medio Ambiente, reunida no salón de actos do Marco, revisou prazos e metodoloxías para publicar as bases de licitación e a posterior adxudicación de proxectos a empresas externas.

luns, 7 xul 2003
1057584941eixo1.jpg
Xuntanza da comisión de Medio ambiente
O Eixo Atlántico asinou un protocolo coa Xunta de Galicia e o Goberno portugués para buscar a viabilidade da implantación conxunta da Axenda 21 e a posta en marcha dunha auditoría urbana nas 18 cidades que integran esta entidade. O protocolo ratificouse en xaneiro e a subvención comunitaria de 1.700.000 euros confirmouse en maio de 2003. Está previsto que en ano en medio se asine a Carta de Alboorg, como conclusión á fase inicial da Axenda 21.

A Axenda 21 contempla a quenda inicial de diagnóstico ambiental, na seguinte se establecerá o plan de acción cunha estructura de participación social e na terceira deseñarase un plan piloto destinado á sensibilización e educación ambiental, que cada cidade desenvolverá seguindo as características de seu.

O Eixo Atlántico do noroeste peninsular constitúe unha asociación transfronteriza integrada por 18 cidades que configuran o sistema urbano da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal.

O Eixo Atlántico determina un espacio rexional interestatal cunha filosofía que segue as orientacións da Unión Europea, fundamentalmente no que se refire á desaparición das fronteiras que afectan ou dificultan a libre circulación de persoas, capitais, mercadorías e servicios.

Este espacio integra as seguintes cidades: A Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense, Santiago, Pontevedra, Vigo, Porto, Braga, Bragança, Chaves, Viana do Castelo, Vila Real, Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos, Guimarâes, Peso da Régua e Vila Nova de Gaia. Estas urbes pretenden ser os auténticos motores do desenvolvemento do espacio rexional en que se insiren e caracterízanse por similares realidades socioeconómicas e culturais.
Descargar todas as imaxes

Máis información