Escoitar

O Concello participará nas actividades do centenario de Fermín Penzol

O alcalde, Ventura Pérez Mariño, reuniuse con Alfonso Zulueta de Haz, Xaime Illa Couto e Antón Vidal para tratar cuestións referentes ao eido cultural en Vigo e comprometeuse a colaborar nos actos conmemorativos do aniversario de Fermín Penzol, un dos mecenas máis importantes da cultura galega.

venres, 4 xul 2003
1057321663zulueta.jpg
Illa Couto, Pérez Mariño e Zulueta de Haz
O presidente do Consello da Cultura Galega, Zulueta de Haz, propúxolle ao alcalde a necesidade de dar a coñecer e potenciar a Fundación Penzol e a posibilidade de colaboración na celebración do aniversario do nacemento de Fermín Penzol a través da organización de actividades culturais. Os actos desenvolveranse no mes de setembro para enxalzar o labor deste mecenas que legou o importante material bibliográfico que posuía.

Penzol en 1956 fixo entrega simbólica da súa biblioteca á editorial Galaxia, feito formalizado en 1963 coa creación da Fundación Penzol que se decide establecer en Vigo, actualmente con sede na Casa Galega da Cultura. Penzol presidiu o padroado que rexe a Fundación e continuou facendo doazóns ata a súa morte en Compostela no 1981 e agora son entidades públicas, editoriais e tamén particulares os que seguen a engrosar os fondos da biblioteca.
Descargar todas as imaxes