Escoitar

Cultura inaugura unha mostra de Pietro Chiaramonte

A Concellería de Cultura organiza a exposición "Toscana Fauve" do artista italiano Pietro Chiaramonte. Os 19 óleos que representan paisaxes da Toscana, espidos e naturezas mortas poderanse ver do 4 ao 27 de xullo na Casa Galega da Cultura.

xoves, 3 xul 2003
Na obra resáltase a busca da cor e da harmonía cromáticas dándolles aos lenzos o equilibrio das paisaxes toscanas. Utiliza cores ousadas e libres que ao mesmo tempo conseguen envolver o espectador nunha tranquilidade que contrasta coa viveza dos mesmos. A súa obra está inspirada nas paisaxes da Toscana, un espacio con outeiros suaves con árbores illados que rompen o equilibrio para realzar a beleza do lugar.

Mediante pinceladas rítmicas e rápidas complementa as teas que pola súa intensidade parecen ter vida propia. Exhíbese unha pintura traballada na que as liñas, case imperceptibles, se perden nunha paleta múltiple para concluír nun todo, o lenzo, felizmente rematado.

Pietro Chiaramonte

Naceu en 1957 en Grumo Apulla (Bari-Italia). Estudiou en Milán e a súa formación artística comeza en Francia no ano 1988 cando estudia escultura nos Ateliers de París. En 1992 asiste á "Scuola del nudo", escola do núo da Academis de Arte de Florencia. Realizou cursos de pintura en Estados Unidos na "Arts Students League" de Nova York e mais en Bélxica na Accademie Amies de Meunier de Bruxelas.

Na súa traxectoria profesional realizou numerosas exposicións en Milán, Florencia e Bruxelas. Na actualidade, o artista reside en España, onde se dedica a traballar nos seus dous estudios situados en Valencia e Panxón (Nigrán).