Escoitar

A Casa das Artes acolle a mostra "Eter terra"

A Concellería de Cultura organiza a exposición da artista Menca Estévez "Eter terra" que se inaugura o luns 7 de xullo ás 20:00 na Casa das Artes. No acto intervirán a flautista Julia Estévez e a soprano Begoña Estévez.

venres, 4 xul 2003
A proposta "Eter terra" plantéxase como un proxecto adaptado para o lugar ao que vai ser destinado, o espacio preséntase fraccionado polas distintas salas que contén e cun percorrido cíclico que fluctúa ao redor do lucernario central. Isto contribúe a que a exposición se realice por episodios dun mesmo tema onde en cada habitáculo aconteceunha interpretación diferente do tema central.

A idea "Eter terra" é unha consecuencia da individualidade do proceso plástico no que conflúen recursos e conceptos xa utilizados, o obxecto que protagoniza o cadro sobre un fondo de pegadas, fondos fraccionados en campos de cor sobre os que xorden formas que diminúen de tamaño e se multiplican, fragmentando a superficie, conformando sucesións sígnicas, como a escritura da memoria. O punto como representación mínima da forma, o punto disólvese como pinga física de pintura. Os signos agrúpanse, proliferan, multiplícanse como se dun cultivo se tratase. Os episodios anteriores superpóñense e non se amosan illados; os campos de cor en ocasións máis diluídos, os puntos dispersos e os agrupamentos de formas compoñen unha especie de retícula de texto.

"Eter terra", entre o ceo e a terra, xorde como se fose o resultado dun proceso antropolóxico alternando dous temas físicos que son a terra como soporte e o ceo como cuberta do receptáculo emocional.

Menca Estévez é licenciada en Belas Artes, na especialidade de Pintura pola Universidade de Salamanca e realizou os cursos de doutoramento na facultade de Belas Artes de Pontevedra, da Universidade de Vigo.