Escoitar

Xa están á venda as entradas do programa das Festas do Cristo

A concelleira de Festas, Margarida Martíns, anunciou que xa están á venda as entradas na Central de espectáculos para os concertos de Castrelos programados polo Concello de Vigo. Para a súa difusión distribuiranse 50.000 programas de man e carteis en áreas comerciais, departamentos municipais, hoteis e establecementos turísticos.

mércores, 9 xul 2003
Xa están á venda os billetes para Tamara, Maceo Parker e Los Suaves. A próxima semana expenderanse as dos demais espectáculos. As entradas para os espectáculos do auditorio de Castrelos, agás as de "Para Vigo me voy" e Primal Scream, poden adquirirse xa na Central de espectáculos, na rúa Velázquez Moreno 26. Tamén poden reservarse telefonicamente, cun recargo de 0,60 euros, no número 986 43 54 10. Pódese solicitar máis información nos teléfonos 986-810221 ou a través do Servicio de atención cidadá 010 ou 986-810260 se chama dende fóra de Vigo.

Ademais, as entradas para os diferentes espectáculos poderán adquirirse a través de internet. A compra na web realizarase mediante transferencia bancaria. Ao igual ca no caso da merca telefónica, o prazo de reserva é de 48 horas e cada entrada conta cun recargo de 0,60 euros, en concepto de gastos de xestión.

As entradas poderán ser retiradas posteriormente presentando o DNI do comprador na Central de espectáculos, de 9:30 a 13:30, e 16:30 a 20:00 horas; ou o mesmo día da actuación, nas billeteiras do auditorio de Castrelos, en horario de 21:30 a 24:00 horas.


Goran Bregovic

A actuación de Goran Bregovic en Vigo será a única que dea en Galicia, onde estará por primeira vez o vindeiro 13 de xullo, dentro dos concertos programados nas Festas do Cristo.

Goran Bregovic presentará en Vigo, dentro da programación das Festas do Verán o seu último traballo discográfico "Tales and Songs from Weddings and Funerals" (Historias e cancións de Vodas e Funerais) no que unha vez máis inclúe un repertorio inspirado no lado máis salvaxe das raíces e o folclore dos Balcáns, sabiamente enriquecidos pola súa perspectiva contemporánea.

Neste concerto, Goran Bregovic estará acompañado sobre o escenario por 40 músicos: a banda de metais "Weddings and Funerals Band", o Coro Masculino de Belgrado, un grupo feminino de Voces Búlgaras e a Orquestra de Cordas "Ensemble Nordesía" (constituídos en Galicia en 2002 como un proxecto esencial para a interpretación e difusión da creación musical do noso tempo baixo a dirección artística de Manel Rodeiro está integrada unicamente por novos instrumentistas galegos maioritariamente de Vigo).

Son poucas as ocasións nas que o público pode gozar deste espectáculo en toda a súa extensión, xa que nunha boa parte dos seus concertos Goran Bregovic adoita acompañarse dunha formación reducida; nesta ocasión o Concello de Vigo fixo un grande esforzo para que Goran Bregovic presente en exclusiva o seu espectáculo acompañado de todo o elenco artístico.

Invitacións para o Festival folclórico

As persoas que o desexen poden recoller as invitacións para asistir ao acto central do Festival folclórico, que se vai celebrar o sábado 19 de xullo ás 22:00 no teatro sala de concertos do Centro Cultural Caixanova dentro da programación de Festas do Verán.

A entrada á sala será gratuíta, e as persoas que desexen asistir necesitarán unha invitación que se porán a disposición do público na Concellería de Festas e Animación Sociocultural, entregándose un máximo de catro por persoa.

As invitacións que non sexan retiradas antes do día do concerto estarán a disposición do público na taquilla do teatro sala de concertos.

Nesta novena edición do Festival folclórico van participar as seguintes agrupacións: Compañía Rexional de Danza "Yacamba" de Venezuela, Conxunto Folclórico Nacional "Xinlingol" de Mongolia e Asociación Municipal de Coros e Danzas de Baza (Andalucía), que na actuación do Teatro Sala de Concertos do Centro Cultural Caixanova estarán acompañados pola Asociación Folclórica "Corisco", a Agrupación Folclórica "Lembranzas Galegas" e a Escola Municipal de Danza.