Escoitar

Máis de 1.000 nenos participan nos campamentos da Concellería de Xuventude

O programa de campamentos organizados para este verán pola Concellería de Xuventude dispón de actividades deportivas, de aventura e lecer para nenos de 4 a 14 anos. Máis de 1.000 nenos benefícianse destas actividades tanto nas ludotecas como nos campamentos que se celebrarán no Castro, en Teis, en Bouzas e na Serra do Xurés.

mércores, 9 xul 2003
O campamento de verán de "Súbete ao Castro" está destinado a nenos de 8 a 12 anos e remata a primeira quenda o 11 de xullo para comezar a seguinte do 14 ao 24 xullo en horario de 10:30 a 13:30 con 120 prazas en total e cun prezo de 20 euros. Os cativos coñecerán o territorio do Castro, disfrutarán dun campamento multiaventura, xogos, percorridos de probas, orientación, cíber, karaoke, obradoiros...

Xa se celebraron no mes de xuño dúas quendas do campamento urbano "Verán de lecer" e agora comeza a terceira que se celebrará ata o 11 de xullo. Os horarios son de 9:00 a 20:00. Está organizado polo Plan comunitario de Teis e as actividades consisten en excursións, obradoiros de cociña, arte, natureza, música, xogos, concursos e deportes.

Outro campamento organizado é o de Muíños, para nenos de 8 a 12 anos, entre o 23 e o 31 de xullo. Trátase dun campamento de achegamento ao medio rural con actividades lúdicas, piragüismo, bicicletas, pesca con cana, sendeirismo, obradoiros e outros.

En agosto celebrarase o campamento urbano "Mundocreatura" organizado pola asociación xuvenil Abertal no pavillón das Travesas. Entre as actividades previstas destaca o tradicional campamento urbano con obradoiros, cine, ludoteca, saídas, sorpresas e actividades pola cidade. No campamento de tempo libre na Beiramar, tamén en agosto, as actividades prevista están relacionadas co mar e practicarase piragüismo, remo e pesca con cana, ademais de realizar visitas, obradoiros e baños na praia.

As ludotecas de Coia, Lavadores, Casa da Xuventude e de Integración (Sagunto, 86) intensificarán a súa programación con excursións e actividades de lecer e de repaso escolar durante xullo e agosto. Obradoiro, xogos, deportes, vídeo e contacontos forman parte do programa que ten carácter gratuíto.