O Concello acorda por unanimidade implantar medidas contra a violencia machista nos eventos do verán
A moción presentada polo grupo mixto recibiu o apoio de toda a Corporación para elaborar e poñer en marcha un protocolo que se active nos meses de verán, dirixido especialmente á mocidade, para que as festas na rúa sexan un espazo de diversión e liberdade no que as mulleres non sintan medo.
A edil de Marea de Vigo, Oriana Méndez, defendeu o texto no que se insta ao goberno local a que en cada celebración haxa un lugar de atención, información e axuda fronte ás agresións machistas tomando como referencia os coñecidos “puntos violeta”.
Segundo recolle a moción, dende primeiros de 2020 ata o mes de marzo deste ano, o Concello atendeu 184 casos de violencia machista, “isto volve poñer enriba da mesa prioridades que o Concello de Vigo debe atender en materia de loita contra a violencia de xénero”. Así, considera Oriana Méndez que “Vigo precisa un compromiso real coa defensa da igualdade e dos dereitos das mulleres”.
Coa moción acordouse elaborar e poñer en marcha un protocolo contra as agresións sexuais en espazos de ocio nocturno privado, a partir da colaboración con diversos espazos e asociacións de ocio nocturno vigués para garantir a súa implicación e a posterior execución.
O Pleno insta tamén ao goberno de Vigo a solicitar o financiamento correspondente para os programas de prevención de violencias machistas con cargo aos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que prevén unha cantidade mínima de 1.000 euros por concello e 0,18 euros por cada habitante, ademais doutros factores adicionais recollidos no Real Decreto do 17 de novembro de 2020.