Escoitar

Vigo reclama á Xunta que aumente o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar

A moción socialista reclama que o orzamento se axuste ao custo real e efectivo do servizo de xeito que poida prestarse coa máxima calidade, cun incremento do catálogo de prestacións e garantindo as mellores condicións de traballo para os profesionais do servizo.

mércores, 30 xuñ 2021

A edil Yolanda Aguiar defendeu no Pleno celebrado este mércores a necesidade de que a Xunta de Galicia financie axeitadamente este servizo, que é da súa competencia pero que foi transferido aos concellos, dado que a transferencia debe ir acompañada dos recursos persoais, materiais e financeiros axeitados para garantir a suficiente prestación deste servizo esencial.

Así, Yolanda Aguiar expuxo que é “ridícula” a achega de 9,70 euros a hora polo servizo cando o custo real, no caso de Vigo, é de case o dobre dese contía. Amais, esa cantidade está conxelada desde o ano 2021 polo que “as achegas da Xunta a este servizo esencial non teñen deixado de reducirse ano tras ano dende hai máis dunha década”.

Pola contra, apuntou a edil socialista, o Concello de Vigo aumenta anualmente o orzamento do programa chegando ata os 7,7 millóns de euros, cun aumento en 2021 de 1,5 millóns de euros pola suba do prezo hora. A moción foi aprobada co apoio do grupo mixto, do concelleiro non adscrito e co rexeitamento do PP.

Vivenda

A Corporación Municipal aprobou tamén, co apoio de tódolos grupos agás o popular que se abstivo, instar á Xunta de Galicia a executar os orzamentos comprometidos en materia de Política de Vivenda realizando políticas integrais que permitan rematar, dunha vez por todas, coa situación de emerxencia residencial que se vive en Galicia e, nomeadamente, en Vigo. Amais, a moción socialista demanda ao goberno da Xunta a construción dun parque público de vivenda protexida e de vivenda social de emerxencia, de forma intensiva nas cidades con máis demanda, como é o caso de Vigo, e a inclusión de forma urxente na normativa reguladora da RISGA de medidas de complemento á vivenda.

Yolanda Aguiar expuxo que a vivenda é un “factor clave de integración social e de emancipación polo que a Xunta de Galicia debe considerar o acceso á vivenda como un elemento central nas políticas de integración. Con todo, apuntou que o goberno de Feijóo deixou sen executar o 60% do orzamento destinado a políticas de vivenda en toda a comunidade, sendo Vigo unha das cidades galegas con maior porcentaxe de vivendas baleiras, máis dun 12%, con máis de 4.000 persoas demandantes dunha vivenda protexida.