Vigo aproba outros 3,42 millóns para o funcionamento das piscinas cubertas e ximnasios municipais
O goberno dirixido por Abel Caballero prorrogou por un ano o contrato para as seis instalacións e a prestación de docencia nas piscinas de Travesas, Teis, Lavadores e Valladares e nos ximnasios do Berbés e do Carme. Ademais, o Concello validou unha subvención por 47.000 euros ao Vigo Voleibol.
O alcalde comunicou este venres a decisión de prorrogar por un ano o contrato, adxudicado en 2019, e o Concello dedicará 3.425.000 euros ao funcionamento e o ensino nas catro piscinas cubertas e nos dous ximnasios municipais.
Con cargo a estes case tres millóns e medio de euros, o goberno de Vigo encarga a prestación dos servizos técnico-deportivos e docentes para impartir ensinanzas e actividades, ademais do mantemento das máquinas dos ximnasios e a limpeza, conservación e atención aos usuarios das seis dependencias municipais incluídas.
“Isto é axuda ao deporte, de base e de elite. É o que nos custa manter estas instalacións”, valorou Caballero, quen resaltou que esta contía non inclúe ningún pavillón municipal, polo que concluíu que “a función de apoio ao deporte da cidade é inmensa”.
A este respecto, o primeiro edil vigués tamén deu conta da subvención aprobada na Xunta de Goberno Local ao Vigo Voleibol, club de elite da cidade que percibe do Concello 47.000 euros polo desenvolvemento da tempada deportiva que temina. Caballero recordou que a achega municipal anual a estas entidades suma case que medio millón de euros e beneficia ademais ao Celta de Atletismo, ao Celta Zorka Recalvi, ao AMFIV, ao Coruxo, o Sárdoma, o Carballal, o Valladares, o Trasnos, o Balonmán Lavadores e ao Bembrive de fútbol sala femenino.
Humanización e convenios
En rolda de prensa, Caballero informou doutros asuntos abordados pola Xunta de Goberno Local, que, reunida este xoves, adxudicou os traballos de mellora da Subida a Relfas, en Sárdoma, obra que presenta un orzamento de 92.000 euros e que suporá dotar dunha beirarrúa a 200 metros da rúa.
Por outra banda, o goberno local validou un convenio por 7.000 euros en favor da Asociación de Persoas Xordas de Vigo, que posibilita a contratación dun intérprete de lingua de signos, e unha subvención á Asociación Galega de Instrumentos de Corda para apoialos na celebración do IX Concurso de Corda Cidade de Vigo.