O Concello investirá 3 millóns de euros na renovación do colector de marxe do río Lagares
O alcalde informou este venres da aprobación na Xunta de Goberno Local dos traballos de redacción do proxecto técnico das obras de renovación do colector que recolle as augas residuais ao longo do río. Xunto a esta obra, avanzou os investimentos previstos no abastecemento e saneamento da cidade ou na estación de bombeo de augas residuais de Bouzas que superan os 3,5 millóns de euros de orzamento.
Abel Caballero explicou en rolda de prensa que o colector de marxe do río Lagares, que discorre desde o nacemento do río ata a súa desembocadura, recolle as augas residuais dunha parte importante da cidade pero, nestes momentos, “está obsoleto; non foi renovado en décadas”, polo que o goberno municipal estima investir ao redor de 3 millóns de euros “na renovación de xeito íntegro de todo o colector”.
Esta actuación permitirá corrixir as incidencias que presenta o colector ao longo do seu trazado: reducións de sección, treitos afectados polas crecidas do río ou falta de capacidade nalgúns tramos.
Amais, o Concello está traballando na mellora da Estación de Bombeo de Augas Residuais de Bouzas coa previsión de investir 600.000 euros. A EBAR de Bouzas é unha das catro estacións de bombeo en liña das que está dotada o colector de marxe da ría, que tamén se atopa “obsoleta e desgastada”. O goberno municipal renovará os equipos mecánicos, caldeirería e mellorará o pozo de bombeo. Ademais, dotarase das instalacións necesarias para evitar que ante calquera avaría que se produza na EBAR, se evite realizar alivios á ría.
O rexedor enmarca estes investimentos que superan os 3,5 millóns de euros na procura dunha “cidade sostible”.
Plan municipal de seca
O Concello está adecuando a redacción do Plan de emerxencia municipal ante situación de seca, un documento aprobado no ano 2011, que logo da modificación da Lei autonómica en 2020 debe adaptarse aaos requirimentos da nova norma.
Abel Caballero explicou que Vigo é unha zona “susceptible de grave seca” en relación co tamaño do encoro que a abastece xa que en Vigo “hai moita auga pero a présa de Eiras que abastece a cidade a nove concellos máis é relativamente pequena” de tamaño, polo que “e temos que atender moito os plans de seca”. Lembrou que o Concello pedira apoio á Xunta de Galicia sobre esta cuestión á que non atendeu e agora “conseguín que o Ministerio de Medio Ambiente encargara a redacción dun plan para estudar o abastecemento e “temos todo preparado para facer unha nova depuradora no lugar da actual para atender as necesidades de auga dos próximos 50 anos”.
Abastecemento Rosal Florido e contorna en Sampaio
A Xunta de Goberno Local deu luz verde á redacción do proxecto técnico das obras de renovación de abastecemento na rúa Rosal Florido e da súa contorna en Sampaio: Casal, Cóbado, Escalinata, Camiño Langarangana, Calexón, Camiño Carballeira e Subida á Igrexa. A actuación inclúe a substitución das antigas redes de abastecemento por novas tubaxes de diámetro superior, conectando os tramos que presentan ramificacións con outros adxacentes conseguindo unha rede reticulada onde a auga pode chegar ao momento da demanda a través de varios circuítos. O investimento previsto, que concretará o proxecto, rondará os 500.000 euros.
Amais, quedaron aprobados de xeito inicial os convenios urbanísticos de cesión dos terreos afectados pola execución do proxecto de obras de humanización da rúa Tercio de Afora, unha superficie de 120 metros cadrados necesarios para realizar a actuación cun orzamento de 274.000 euros.