O Concello reforza os campamentos de verán con 300 prazas deportivas nas Travesas e Samil
O Concello xa ten convocadas 2.688 prazas de campamentos de verán, das que 300 serán no Campus deportivo Vide e se desenvolverán nas Travesas e en Samil. O prazo de inscrición arranca o martes 1 de xuño a partir das 09,00 h.
O alcalde anunciou esta mañá da posta en marcha do Campus deportivo VIDE para nenos e nenas de entre 6 e 14 anos. Son 300 prazas que se organizan en tres quendas diferentes: Travesas I (do 28 de xuño ao 2 de xullo no Complexo Deportivo de As Travesas); Travesas II (do 5 ao 9 de xullo) e Samil (do 12 ao 16 de xullo, nas instalacións deportivas de Samil). A xornada é de 9,00 a 14,00 h (con recepción desde as 08,30h) e o prezo é de 45 euros. A inscrición será telefónica no 986247104 a partir do martes 1 de xuño.
O total de prazas de campamento municipais convocadas para este verán é de 2.688 ás que se sumarán outras 100 da Concellería de Benestar Social. Nestes momentos, está aberto ata o 4 de xuño o período de solicitude das 2.388 vacantes organizadas desde Xuventude.
Na habitual rolda de prensa, Caballero tamén deu conta da reapertura de 141 parques infantís que se van desinfectar a diario para garantir "a máis rigurosa protección covid".