Escoitar

O Pleno insta á Xunta a consultar cos concellos os seus proxectos para os fondos Next Generation

A sesión plenaria celebrada este mércores aprobou a moción do grupo municipal socialista demandando ao goberno autonómico o inicio dunha rolda de contactos e consultas cos concellos galegos para que presenten as súas manifestacións de interese para proxectos a executar cos fondos Next Generation.

mércores, 26 mai 2021
Imaxe do Pleno ordinario celebrado este mércores
Imaxe do Pleno ordinario celebrado este mércores

O texto insta amais á Xunta de Galicia a facer público o contido dos proxectos xa remitidos ao Goberno de España na chamada candidatura galega e facendo partícipes aos municipios e ínstaa tamén a responder ao Concello de Vigo sobre os proxectos en materia de Política Social incluídos na estratexia Next Generation que ten previsto executar na cidade.

A concelleira da área de Benestar Social, Yolanda Aguiar, defendeu a moción socialista rexeitando a opacidade coa que o goberno da Xunta está a conformar a candidatura dos proxectos galegos "sen transparencia e sen coñecemento algún das forzas políticas e dos concellos que, en moitos casos, serán os responsables de executar os proxectos" porque "son fondos extraordinarios que van ter que pasar polos concellos e non se executarán sen colaboración".

A proposta saíu adiante cos apoios do concelleiro non adscrito e do grupo mixto e o voto en contra do PP.

Unanimidade na demanda dun instituto en Navia
A unanimidade da Corporación deu luz verde á moción socialista demandando o compromiso da Xunta de Galicia para executar o Instituto de Navia e redactar o proxecto de xeito inmediato para garantir que o barrio poida contar cun centro de ensino secundario no menor prazo posible.

A edil de Urbanismo, María Xosé Caride, expuxo as necesidades educativas de Vigo e de Navia e lamentou ter que levar ao Pleno de novo esta cuestión dado que "15 meses despois de enviar o protocolo de colaboración á Xunta de Galicia para a posta en funcionamento do instituto, a resposta é o silencio. A administración autonómica mantense allea e indiferente" aos problemas do alumnado de ensino secundario da cidade.

 

Descargar todas as imaxes