Escoitar

O alcalde esixe a Renfe tres frecuencias diarias directas entre Vigo e Madrid

En lugar das dúas de antes da pandemia, o operador ferroviario mantén unha única ruta ao día sen transbordos entre a cidade olívica e a capital de España, mentres que o resto se venden con enlace en Santiago. “O meu desacordo é total”, sentenciou Caballero, quen trasladará a demanda viguesa ao presidente de Renfe.

martes, 25 mai 2021
O alcalde, Abel Caballero, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, en outubro de 2020.
O alcalde, Abel Caballero, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, en outubro de 2020.

“O que nos está propoñendo Renfe é poñer outra vez de novo a Vigo no século XIX. E para iso queremos a Alta Velocidade?”. O alcalde de Vigo amosouse este martes moi crítico coa planificación ferroviaria nas conexións entre a cidade e Madrid, que unicamente ofrece un tren diario directo e o resto de opcións para o viaxeiro que parta desde Vigo obrigan a baixar en Santiago para coller alí outro convoi ata Chamartín.

“En lugar de dúas frecuencias diarias (as existentes antes da irrupción do Covid), Renfe consolida unha sola”, manifestou Caballero, quen trasladou publicamente o seu “desacordo total” e plasmou a demanda á alza da urbe: “En Vigo temos que ter neste momento ao menos tres frecuencias diarias de Vigo a Madrid”.

“Non estou disposto de ningún modo a que a xente de Vigo teña que baixarse en Santiago, de ningún modo”, afirmou en declaracións aos medios o rexedor vigués, quen o considerou “unha humillación” e recordou ademais que “a primeira cidade de Galicia non ten trens directos en Alta Velocidade”. Para Caballero, a solución definitiva virá coa variante de Cerdedo, que unirá Vigo e Pontevedra con Ourense e Madrid en AVE, pero mentres tanto o actual modelo “non nos vale” e insistiu en reclamar “tres destinos directos a Madrid desde Vigo compartidos con Pontevedra”.

Cuestionouse o alcalde que “se o AVE significa que Vigo se queda sen trens directos a Madrid, para que nos vale?” e concluíu que “vai moi en serio” a esixencia viguesa a Renfe: “Non intenten xogar con esta cidade”.

Descargar todas as imaxes