Ata o 4 de xuño poden solicitarse os campamentos de verán do Concello
O goberno municipal abre este luns o prazo de solicitude das 2.388 prazas do programa Verán Xove 2021 con actividades para crianzas de nacidas entre 2004 e 2017.
Segundo explicou este luns o rexedor, ata o 4 de xuño está aberto o período de solicitude para o que é necesario darse de alta e inscribir aos menores na web veran.xuventudevigo.org, que asignará un número de solicitude. As prazas outorgaranse por sorteo, segundo o número entregado coa petición, o día 7 de xuño ás 11:00 horas da mañá.
Coa publicación das listaxes do sorteo, desde ese mesmo día e ata o 12 de xuño poderá formalizarse a matrícula, tamén de xeito telemático. As actividades dos campamentos de verán comezan o 28 de xuño cun total de 2.388 prazas para nenas e nenos nados entre 2004 e 2017, das que o Concello subvenciona o 50% do custo, e con propostas de mar, música e actividades urbanas.
O alcalde detallou a oferta de actividades deste verán: VigoZoo con 208 prazas, Verán en Samil con 200 prazas, Verán en Alcabre (200 prazas), Verán en inglés (100 prazas), Verán en Navia (195 prazas), Verán en Vigosónico (195 prazas), Verán na Casa da Xuventude (60 prazas), Verán en Coia (60 prazas), Verán mariñeiro (200 prazas), Verán náutico na ETEA (320 prazas), Verán náutico en Bouzas (200 prazas) e o Campamento urbano en Travesas (450 prazas).