O Concello reabrirá todos os seus parques infantís a partir do 26 de maio
A cidade contará coa totalidade dos seus parques infantís abertos e desinfectados a partir do 26 de maio cando serán 141 os espazos abertos ao público. Ademais, as instalacións deportivas municipais xa poden acoller espectadores nas gradas, respectando sempre os criterios sanitarios decretados pola Xunta.
O goberno local vén de adxudicar a contratación da limpeza e desinfección de parques infantís, áreas saudables, pistas deportivas e instalacións ao aire libre para cumprir o protocolo Covid-19. Cun importe de 100.000 euros, este contrato permitirá abrir todos os parques infantís da cidade a partir do mércores 26 de maio. Ata o de agora -e debido á obriga de desinfectar estes espazos a diario -, estaban abertos 15 áreas unha cifra que se elevará a 141 a semana que vén. Neste punto, Caballero lembrou que as instalacións deportivas municipais xa permiten a entrada de público, cumprindo sempre as condicións que impón a Xunta de Galicia, a autoridade competente en materia sanitaria.
Subvencións
A Xunta de Goberno local deu luz verde ao Plan Estratéxico de Subvencións 2021-2023, un instrumento que da transparencia e publicidade ás áreas e ámbitos municipais onde se van conceder subvencións. Caballero explicou que é un traballo iniciado en 2019, que continuou no 2020 -dentro das limitacións Covid – e que agora aprobamos para planificar e ordenar aos colectivos aos que o Concello quere chegar a través de achegas directas, nominativas ou de concorrencia competitiva.
As liñas estratéxicas do plan son: atención ás persoas con necesidades especiais; atención a os colectivos e ás súas necesidades sociais (Infancia, menores, xuventude, parados; promoción da igualdade real de oportunidades; fomento de actividades sociais e fomento da protección do entorno e da cidade. Segundo seguiu detallando, a previsión deste Plan Estratéxico tamén establece áreas: social, igualdade, comercio, cultura, deportes, educación, emprego, festas, participación cidadá, turismo, urbanismo e xuventude.
En rolda de prensa, Caballero subliñou que ata o de agora o Concello de Vigo adxudicaba as subvencións cumprindo a lexislación tal e como fixeron todos os anteriores gobernos municipais. Coa aprobación deste Plan de Estratéxico a pretensión do goberno local é adaptarse aos novos tempos, tal e como recomenda o Consello de Contas.