Escoitar

O alcalde valora a estación Vialia de Vigo como “lugar de encontro da cidade”

Abel Caballero participou co director de Negocio e Operacións Comerciais de Adif nunha mesa redonda en Fitur baixo o lema “Destino Vigo” na que abordaron o proxecto da estación de alta velocidade da cidade como un exemplo das estacións que quere implantar noutras cidades o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias.

xoves, 20 mai 2021
Imaxe da mesa redonda celebrada este xoves en Fitur
Imaxe da mesa redonda celebrada este xoves en Fitur

 

O rexedor puxo en valor a estación “que pedín hai 14 anos” e “Adif está facendo en Vigo a mellor estación de Europa. É unha catedral do século XXI, unha forma de entender a estación de ferrocarril como lugar de encontro no centro da cidade, con ámbito de esparexemento e ocio, un ámbito no que a cidade se volca para estar ou para viaxar e cuns grandes balcóns abertos á ría”.

 


Para Caballero a decisión de soterrar as vías do tren na cidade foi “moi sabia”; de xeito que agora entra en túnel e non volve saír en superficie, o que permitiu facer unha estación que é “un centro de encontro cidadá” e que permitirá saír por debaixo de Vigo e seguir ata Oporto e ir a Lisboa pola chamada saída sur.

 


Preguntado sobre a actividade da estación Vialia considera que “tirará do pequeno e mediano comercio de todo Vigo porque vai traer xente de forma masiva” que virá “gozar e visitar “o centro da cidade, moitas persoas, dixo, virá “soamente a Vigo a ver a estación”. No tocante á praza da estación dixo que ten o tamaño de tres campos de fútbol con espazos para deporte, un auditorio, zonas de nenos, maiores. “Estamos facendo unha revolución do século XXI e xuntamos vontades”, malia que o proxecto sufriu atrasos importantes, acelerouse nos últimos anos polo que agradeceu a ADIF o desenvolvemento do proxecto, xa que “leva o gran peso da carga do mesmo e estou moi agradecido no nome da cidade”.

 


O alcalde apuntou que en Vialia haberá un número de viaxes importantes en tren para o Nadal, que será un lugar de visita, e lembrou a obra do ascensor que conectará a parte baixa da cidade coa parte media e que se apoiará na estrutura de Vialia. Sinalou tamén que moitas visitas chegarán a Vigo en tren e atoparán a ría, Illas Cíes, parques forestais, o Nadal, O Marisquiño, montaña, gastronomía, comercio e a xente amable. “Gústanos que nos veñan visitar porque nos gusta facer amigas e amigos”.

 


Jesús Campo, director xeral de Negocio e Operacións Comerciais de Adif expuxo no encontro que Vialia Estación de Vigo “máis que unha estación é un espazo de cidade, un modelo que queremos implantar no resto das urbes” e cualificou o proxecto como “un concepto holístico de integración dunha infraestrutura de transporte ferroviario nunha contorna urbana, que permitiu integrar un deseño arquitectónico asombroso cunha funcionalidade perfecta, que integra un espazo de intermodalidade de transporte e que permitiu integrar vontades e esforzos de varias administracións públicas”. Para Jesús Campo, a estación de Vialia en Vigo é un “exemplo de integración total e absoluta, unha actuación singular e única.

 


Referiuse ao empeño do alcalde na consecución do proxecto e detallou algunhas das cifras que supón: 47.000 metros cadrados de espazo comercial, 120 operadores comerciais implantados, un 30% das firmas serán novas na cidade e vai “xerar un efecto tractor para a economía, o emprego e para o investimento” e, en termos de emprego, supoñerá a creación de 2.000 postos de traballo, 1.500 directos e 500 indirectos, producindo amais investimentos adicionais na contorna da estación. As proxeccións de Adif sitúan en 10 millóns as visitas anuais ao espazo, a partir do terceiro ano da súa posta en funcionamento.

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes