O Concello inicia as obras para estender a humanización de García Barbón ata Isaac Peral
Este mércores tivo lugar o acto simbólico de colocación da primeira pedra da remodelación dunha nova fase da avenida, desta volta desde a unión con Rosalía de Castro ata a rotonda de Isaac Peral, cun orzamento de 2,2 millóns. O alcalde adiantou que o goberno de Vigo continuará a reforma ata Sanjurjo Badía “inmediatamente despois”, completando así a humanización de García Barbón.
O Concello reserva 2,2 millóns para unha humanización que se alongará durante un prazo estimado de oito meses, segundo explicou Caballero en rolda de prensa posterior, onde explicou que a obra prolongará o modelo xa aplicado no resto da Avenida: máis espazo para os peóns, con beirarrúas máis amplas e de granito, arborado e xardineiras, novo mobiliario urbano, iluminación LED e novas redes de saneamento, pluviais, abastecemento e rego. Ademais, segundo detallou, o goberno vigués aproveitará este proxecto para actuar sobre a zona verde de María Xosé Queizán e nos primeiros tramos das escaleiras da rúa Callao.
“Esta obra”, lamentou Caballero, “xa tiña que estar feita e acabada, pero a Xunta de Galicia paralizouna e obstaculizouna con motivo da escultura da rotonda (de Isaac Peral), que por certo non se tocaba”.
García Barbón xa foi humanizada desde o seu inicio ata a unión con Rosalía de Castro, coa excepción da beirarrúa fronte ás torres sede do Club Financeiro de Vigo, e agora estenderá a mellora ata a rotonda de Isaac Peral nas obras que deron comezo este venres. Resta polo tanto un único treito, o que continúa ata Sanjurjo Badía, para finalizar a humanización da avenida, o que o Concello afrontará “inmediatamente despois” da conclusión da actual fase.