Escoitar

O goberno de Vigo contrata por 415.000 euros a redacción dos proxectos do ascensor HALO

A firma gañadora do concurso municipal para unir a zona de García Barbón con Vía Norte elaborará os estudos previos e os proxectos básico e de execución. Unha vez redactados, sairá a licitación as obras do ascensor, cun prazo de execución de doce meses.

mércores, 19 mai 2021
Infografía do proxecto HALO
Infografía do proxecto HALO

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a contratación dos servizos de estudo previo, redacción de proxecto, dirección facultativa e coordinación da seguridade e saúde dos traballos de construción do HALO, o elevador que conectará o entorno de García Barbón coa Vía Norte.

O Concello reserva ao efecto 415.000 euros, segundo informou este mércores o alcalde, e o estudo que imaxinou o HALO terá a responsabilidade de elaborar os estudos previos e os proxectos básico e de execución do proxecto. Caballero explicou que a licitación e adxudicación das obras comezará a súa tramitación “inmediatamente” despois, tan pronto estean listos estes documentos.

Os dous ascensores, que salvan case que 42 metros de altura, partirán en Serafín Avendaño, detrás das torres de García Barbón e moi próximo ao colexio do mesmo nome, sobrevoará a autoestrada co seu deseño circular e desembocará na gran praza pública do Vialia, á altura da Vía Norte. Cun prazo de execución de doce meses, o Concello estima o importe en 7,21 millóns de euros, que tramitará “a través de fondos europeos”, afirmou o rexedor vigués.

Descargar todas as imaxes