Escoitar

Vigo presenta en Fitur a súa “ambiciosa” proposta turística para este ano

O Concello presenta este xoves, 20 de maio, a súa proposta na Feira Internacional de Turismo que se celebra no Ifema en Madrid. Coa pandemia en proceso de control “é o momento de relanzar a nosa oferta”, di Caballero.

mércores, 19 mai 2021

O alcalde avanzou en rolda de prensa que o primeiro valor que presentará a cidade en Fitur é o seu recoñecemento como a cidade española con maior calidade de vida, segundo un estudo recente da OCU. En segundo lugar, sinalou, “poñeremos en valor a transformación da cidade, que é cómoda hospitalaria, co proceso de humanización e beleza da cidade”. En terceiro lugar, Vigo amosará os proxectos de mobilidade do programa Vigo vertical; en cuarto lugar, a “capacidade de atracción da hostalería, a gastronomía e os hoteis “ da cidade”, amais do desenvolvemento cultural no ano de Xela Arias, que concentra numerosas actividades en Vigo.

Amais, o goberno municipal expoñerá a recuperación das festas de Vigo, o Marisquiño, o Nadal, a Reconquista, a calidade das praias de Vigo, con Samil e O Vao con sistemas de seguridade 1000x100 e que “somos un destino turístico especialmente bo para familias”.

Abel Caballero referiuse ao “soberbio plan de dinamización turística de Vigo” que leva o Concello a Fitur, tendo en conta que somos “unha potencia turística, con millóns de visitas e que temos toda a ambición do mundo no ámbito turístico”. Amais, apuntou a expectativa importante que o turismo deposita no verán que “vai ser bo; haberá economía e emprego”.

 

Descargar todas as imaxes