Escoitar

O Concello de Vigo, premiado polo Centro de Proceso de Datos municipal

Data Center Market, publicación especializada e de referencia nas TIC, vén de galardoar ao Concello na categoría “CPD do ano á administración pública”. Abel Caballero informou este martes da distinción e subliñou que o Centro vigués está chamado a asentar a infraestrutura dixital municipal para os próximos quince anos.

martes, 18 mai 2021
Abel Caballero porta o premio DCM 2021 outorgado ao Concello de Vigo
Abel Caballero porta o premio DCM 2021 outorgado ao Concello de Vigo

Vigo recibe un novo recoñecemento en materia de administración electrónica. O alcalde trasladou hoxe martes que a publicación Data Center Market concedeu o “CPD do ano” ao Concello polo novo Centro de Proceso de Datos municipal, como parte dos premios DCM 2021, que buscan subliñar os principais proxectos e tecnoloxías asociadas aos centros de datos que se desenvolveron ao longo do 2020.

É “un premio significativo”, explicou Caballero, que valora o concurso público adxudicado o ano pasado e no que o Concello investiu uns 300.000 euros, entre o contrato e a adecuación do espazo no que se empraza. O novo CPD será “a base de toda a infraestrutura informática municipal para os próximos quince ou vinte anos”, revelou o alcalde.

No Centro de Proceso de Datos do Concello estarán fisicamente almacenados todos os datos dos cidadáns nas súas interaccións co Concello, polo que a súa importancia é “crítica”, en verbas de Caballero, ao posibilitar ademais os procesos de innovación dixital. Presenta medidas de “seguridade e protección” que permiten que a administración electrónica do Concello opere con garantías, eficacia e seguridade.

Descargar todas as imaxes