Abel Caballero reclama maior financiamento e competencias locais ante o Consello de Europa
O presidente da FEMP reuniuse este mércores coa Comisión de seguimento do Consello de poderes locais e rexionais do Consello de Europa con quen abordou a necesidade da reforma local, dunha segunda descentralización das comunidades aos municipios e a participación dos concellos nos fondos europeos de recuperación.
No transcurso do encontro celebrado por vía telemática, o rexedor olívico trasladoulle ao Consello de Europa a demanda de competencias para os gobernos locais “que teñen as comunidades autónomas pero que exercemos nós por ausencia de acción e pola deficiente acción das comunidades”, unhas competencias que, dixo “financiamos nós cos nosos recursos”.
O presidente da FEMP reclamou así a “segunda gran descentralización en España, de comunidades autónomas a concellos” e abordou o feito de que algunhas comunidades españolas teñas un modelo de financiamento asimétrico: “a Constitución mandata que estas asignen recursos aos municipios pero a Xunta de Galicia, por exemplo, en lugar de asignar recursos a Vigo, detráellos e Vigo convértese en financiador da Xunta de Galicia”, algo que incumpre o establecido na norma constitucional.
Abel Caballero defendeu a participación dos concellos nos fondos europeos de recuperación explicando que “imos superar o 14% que reclamábamos dos fondos”, da parte dos recursos que corresponde ás administracións públicas. Sobre a pandemia, trasladoulles que as entidades locais “estamos a pagar custos importantísimos da crise da Covid sen que se nos aisgnen recursos, nin desde Europa, nin desde o Goberno que llos pasa ás comunidades autónomas e estas non os pasan aos concellos”. Así, expuxo que os municipios reclamn o 15% de tódolos recursos que reciben as comunidades autónomas, tanto do Estado como dos Fondos React-EU da Unión Europea que cifrou nun total de 15.000 millóns: “8.000 millóns de Europa e 7.000 do goberno de España, e en Galicia non cede ni un céntimo aos municipios”.
Amais, o alcalde de Vigo defendeu a necesidade de fortalecer as corporacións locais porque “cada vez ocupamos máis espazo, somos máis potentes na actuación e cada vez temos mais capacidade”. Os municipios, dixo, están usando nestes momentos os seus remanentes, entre 12.000 e 14.000 millóns de euros, e “recibimos anticipos incrementados das entregas a conta do Goberno de España, que estamos executando, pero reclamámoslle ao Estado o fondo Covid de 3.000 millóns, aínda que xa temos recoñecido o fondo de transporte”.