Escoitar

Vigo loce en FITUR: “A mellor cidade para pasar as vacacións”

A transformación experimentada pola cidade e o atractivo vigués brillaron este xoves en Madrid, na Feira Internacional de Turismo. Xunto a Paula Montes e Miguel Lago, o alcalde presentou “o mundo nunha cidade”, a gastronomía, o medio ambiente, as praias, a cultura, O Marisquiño e o Nadal, o lugar onde “está todo o que calquera busca para as súas vacacións”.

xoves, 20 mai 2021
Abel Caballero, no centro, xunto a Miguel Lago e a Paula Montes
Abel Caballero, no centro, xunto a Miguel Lago e a Paula Montes

Nunha edición especial marcada pola pandemia, FITUR amosou un Vigo renovado e en constante movemento, recentemente cualificada pola OCU como a urbe con maior calidade de vida de España, unha cidade que conserva a súa esencia e define o seu futuro. Acompañando ao vídeo de presentación, a cidade foi representada polos comunicadores vigueses Paula Montes e Miguel Lago e polo alcalde, Abel Caballero.

“Vigo é a mellor cidade do mundo. É a visión dos vigueses e das viguesas”. O rexedor comezou así a súa intervención ante un aforo reducido polo Covid, explicando que “a nosa cidade é a nosa casa, por iso Vigo é tan especial, pola súa xente”. Caballero presumiu de que na cidade “está todo o que calquera busca para as súas vacacións” e citou o medio ambiente, as illas Cíes -”que serán Patrimonio da Humanidade”-, os “grandes movementos musicais e culturais”, as praias, unha gastronomía “excepcional” e O Marisquiño, “o certame urbano máis importante de Europa este verán”.

Por suposto o alcalde tivo verbas para o Nadal vigués, tamén recollido nalgunhas imaxes do vídeo de promoción, e afirmou que “este ano imos petar Vigo, haberá millóns de persoas que virán a Vigo” pola campaña, xa que “o Nadal ten un nome ao lado, que é Vigo”. Abel Caballero culminou a súa presentación subliñando que a urbe aglutina “o mundo nunha cidade, a mellor cidade que un poida imaxinar para pasar as súas vacacións”.

A encargada de abrir o acto foi Paula Montes, xornalista viguesa, quen recordou que Vigo é “a cidade con maior calidade de vida” e que experimentou un “cambio abismal nos últimos catorce anos”, nos que “pasou de ser a cidade das costas á cidade que xa non costa”, en referencia aos ascensores e escaleiras mecánicas do proxecto municipal Vigo Vertical. Engadiu que o Nadal converteu á festa viguesa en “referente mundial”, mais salientou tamén as praias de Vigo, as bandeiras azuis, a gastronomía e o divertimento que ofrece.

Pola súa banda, Miguel Lago aportou a nota de humor introducindo o “novo concepto” da “chulería viguesa”, xa que cada día se ve “máis alto e máis guapo”. O colaborador de “Todo es mentira”, residente en Madrid, puxo en valor a oferta cultural, o teatro e a gastronomía viguesa, unha cidade “máis humana” que visita “catro ou cinco veces ao ano” coa súa familia: “O mellor de todo é que cando paseo pola miña cidade non deixo de ser aquel neno de Teis que vivía naquela cidade escura, que non é o que é agora, unha cidade limpa, que acolle, luminosa”.

Abel Caballero, no centro, xunto a Miguel Lago e a Paula Montes
Descargar todas as imaxes