O Concello renova a iluminación do monumento dos Cabalos da Praza de España
Desde esta noite estarán en funcionamento os oito novos proxectores de luz led do conxunto escultórico de José Oliveira e volverá activarse a fonte da Praza que tamén foi reparada.
O alcalde explicou este venres que o goberno municipal realizou unha actuación de mellora no monumento, “unha obra marabillosa e excepcional”, que “levaba anos sen ser revisada”. A escultura foi sometida a unha revisión estrutural que derivou na reparación das patoloxías detectadas: a eliminación das fisuras, a protección das chapas anti corrosión e a impermeabilización do vaso de fonte que perdía auga.
Este venres pola noite, o Concello poñerá en funcionamento a nova iluminación do conxunto escultórico que se dotou de 8 proxectores led de alto rendemento lumínico e no que se instalaron novas bombas de auga de cascada da fonte que levaba algún tempo sen funcionar. Amais plantouse vexetación na zona verde.