O goberno municipal abre o 24 de maio a inscrición nos campamentos de verán
Abel Caballero informou este venres da aprobación na Xunta de Goberno Local do programa de actividades de Verán Xove 2021 que conta cun orzamento de 227.000 euros e inclúe 2.388 prazas para nenas e nenos nacidos entre 2004 e 2017, con diferentes propostas.
O próximo luns, 24 de maio, o Concello abre o período de solicitude de prazas nos campamentos de verán da área de Xuventude, un total de 2.388 para nenas e nenos nados entre 2004 e 2017. Esta cifra será ampliada ata as 2.788 prazas coa ofertade Deportes e Benestar Social ata as 2.788 prazas. A presentación de solicitudes debe realizarse de xeito telemático a través da web veran.xuventudevigo.org.
O alcalde explicou que a oferta de actividades inclúe o campamento en VigoZoo con 208 prazas, Verán en Samil con 200 prazas, Verán en Alcabre (200 prazas), Verán en inglés (100 prazas), Verán en Navia (195 prazas), Verán en Vigosónico (195 prazas), Verán na Casa da Xuventude (60 prazas), Verán en Coia (60 prazas), Verán mariñeiro (200 prazas), Verán náutico na ETEA (320 prazas), Verán náutico en Bouzas (200 prazas) e o Campamento urbano en Travesas (450 prazas).
Os campamentos comezarán o 28 de xuño; o prazo de presentación de solicitudes comeza o vindeiro luns, 24 de maio e esténdese ata o 4 de xuño. Para realizar a solicitude é necesario darse de alta e inscribir aos menores na web veran.xuventudevigo.org, que asignará un número de solicitude para o sorteo. As prazas outorgaranse por sorteo o día 7 de xuño ás 11:00, sen público por razóns Covid.
Abel Caballero explicou que os campamentos municipais, ao igual que o ano pasado, van desenvolverse baixo un “estrito protocolo Covid” con todas as garantías sanitarias. Grupos burbulla, estableceranse medidas de seguridade na recepción dos menores así como unha declaración responsable dos proxenitores garantindo a saúde dos nenos nos 14 días previos á entrada no campamento. Cada día confirmarase que non se identificou ningunha situación estraña nos nenos, tomarase a temperatura, desinfectarase mans e/ou calzado e na saída informarase aos pais se houbo algunha incidencia e desinfectaranse as mans.
Escaleiras mecánicas da rúa Talude
A Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto de Humanización e mellora de accesibilidade na rúa Talude, unhas escaleiras mecánicas na contorna do Colexio Mariano que conectarán Urzáiz coa parte alta de San Roque e Couto de San Honorato. Ten un importe de 713.000 euros e un prazo de obras de 7 meses.
O alcalde explicou que o Concello renovará os firmes cunha plataforma única de 8 metros de ancho, mellorará a seguridade dos peóns creando itinerarios contiguos, haberá mobiliario urbano como bancos e zonas axardinadas, unha nova rede de rega, iluminación LED e nova rede de saneamento e pluviais.
Amais, o proxecto enriqueceuse coa cesión do Colexio Mariano dunha franxa de 1,8 metros de ancho, que outorga unha estrutura mellor á rúa e que permite modificar os accesos ao centro educativo favorecendo a seguridade do alumnado.