Concello e hostalería acordan o modelo de estruturas cubertas e fixas nas terrazas
Nunha reunión celebrada este venres, a proposta do goberno de Vigo recibiu “a felicitación expresa e colectiva” do sector, asegurou Caballero, quen agarda aprobar a ordenanza “moi rapidamente” para que poidan estar instaladas no outono. O Concello incorporará progresivamente criterios estéticos uniformes por zonas e permitirá ocupar prazas de estacionamento. “O noso apoio total á hostalería”, resumiu o alcalde.
“A miña satisfacción, a hostalería é parte importante da personalidade de Vigo”, manifestou Caballero ao remate dunha entrevista que citou no Concello aos principais responsables desta actividade na cidade. Para o rexedor, estas estruturas darán “un impulso moi importante á hostalería, no prazo inmediato e tamén no medio prazo”, e a proposta viguesa, que recolle as suxestións do sector, foi recibida coa “felicitación expresa e colectiva de todos os asistentes” á reunión.
Segundo desvelou o alcalde, o goberno de Vigo prevé autorizar a instalación de terrazas cubertas e fixas por un prazo de “tres ou catro anos” e contempla incorporar progresivamente criterios estéticos para as estruturas, uniformes en función das diferentes zonas da cidade. Engadiu Caballero que a normativa en elaboración fará posible montar terrazas en aparcamentos, incluso os da zona azul, o que permitirá unha mellor distribución dos espazos fundamentalmente para os peóns. O alcalde insistiu nesta cuestión e fixou a “condición” de “non obstaculizar” o paso dos cidadáns polas beirarrúas.
“Temos acordo total”, expresou Abel Caballero, quen confía en ter un “bo” verán e un Nadal aínda mellor, polo que trasladou o seu “apoio total á hostalería”. A previsión municipal fixa para outono a instalación das primeiras terrazas fixas e cubertas. A ordenanza será validada “moi rapidamente” pola Xunta de Goberno Local para poder ser aprobada inicialmente polo Pleno da Corporación. Despois da súa exposición pública, volverá ao Pleno para ser votada a súa aprobación definitiva e posterior entrada en vigor.