Escoitar

O Pleno reclama á Xunta accións para evitar o asolagamento do Lagares no Caramuxo

A maioría do Pleno aprobou esta mañá unha moción socialista que solicita á Xunta que exerza as súas competencias para eliminar o risco de desbordamento do Lagares ao seu paso polo polígono do Caramuxo. O texto saíu adiante co voto favorable de PSOE, Marea e do concelleiro non adscrito.

mércores, 31 mar 2021

O Pleno acordou esta mañá instar á Xunta a aprobar o proxecto de eliminación de risco de inundación do río Lagares ao seu paso polo polígono do Caramuxo. A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, defendeu a necesidade de solicitar fondos europeos por importe mínimo de 14,5 millóns para executar o conxunto de obras precisas para evitar o desbordamento do río.

Cos votos favorables de PSOE, Marea e do concelleiro non adscrito, saíu adiante unha moción que lembra que o Concello de Vigo leva moitos anos reclamando a implicación da Xunta na preservación, conservación e mellora do río Lagares, dentro das súas competencias. Nestes momentos, é a administración municipal a que está a atender o río, no só coa limpeza, senón tamén coa loita contra os verquidos, coa construción de sendas e paseos e coa mellora das infraestruturas de saneamento. O Partido Popular votou en contra do texto.