O Concello substitúe eucaliptos e acacias na Guía por carballos e bidueiros
O Goberno de Vigo acomete desde este martes a plantación de 75 exemplares de carballos, bidueiros e rododendros cerca do campo de fútbol da Guía, especies autóctonas nun lugar ocupado ata o de agora por eucaliptos e acacias. Caballero puxo en valor que, só no mes de marzo, o Concello plantou 248 novas árbores e outras 700 entregadas ás comunidades de montes.
Acompañado polos edís de Parques e Medioambiente, Ángel Rivas e Nuria Rodríguez, respectivamente, o alcalde de Vigo achegouse este martes á ladeira do monte da Guía, na parte baixa do campo de fútbol, para supervisar a plantación de 75 árbores: corenta e cinco carballos, vinte rododendros e dez bidueiros.
Así, o Concello cambia as especies alóctonas existentes -principalmente eucaliptos e acacias- por exemplares propios nun espazo obxecto de actos vandálicos, segundo explicou Caballero: “Alguén, cunha motoserra, cortou uns trinta o corenta eucaliptos. ¿Como respondemos? Plantando case que o dobre de árbores nobres, boas especies, arborado autóctono”. A distribución do arborado farase en sete grupos de carballos e bidueiros, a razón de cinco ou dez exemplares cada un, recuperando a paisaxe existente e tendo en conta o emprazamento do faro da Guía.
O goberno vigués realizou neste mes de marzo numerosas plantacións en zona urbana que suman un total de 248 árbores: 75 no monte da Guía, 21 máis en Barreiro, 42 en Navia, 60 na Avenida de Castelao e outras 50 árbores en Samil. “Só no mes de marzo, plantamos nesta cidade 248 árbores novas”, indicou o rexedor: “É unha satisfacción”. Ademais, Caballero engadiu que tamén en marzo o Concello que preside fixo entrega de 700 árbores máis ás comunidades de montes de Vigo.