Escoitar

Os mercados municipais da cidade, propostos polo alcalde como Vigueses Distinguidos

Abel Caballero deu a coñecer este martes a súa proposición para nomear Vigueses Distinguidos aos sete mercados vigueses polo “servizo inestimable que prestaron historicamente a esta cidade”.

martes, 30 mar 2021

O rexedor trasladou a súa felicitación aos sete mercados e ás xeracións de vendedores e vendedoras que teñen desenvolvido o seu traballo nos mercados públicos de Vigo durante “tantas décadas” e “durante todo o século no caso de Bouzas”, xa que comezou a funcionar no ano 1910.

“Un século contémplaos facendo un servizo tan importante na cidade e tan importante neste momento de pandemia”, destacou Caballero, que quere que o galardón Vigués Distinguido sexa o “recoñecemento da cidade a unha parte tradicional histórica do comportamento marabilloso da cidade de Vigo”. Destacou o valor dos mercados de Bouzas (desde 1910), O Calvario, As Travesas, O Progreso (1977), Cabral (1991), O Berbés (1966) e Teis desde os anos 40 que “prestaron historicamente un servizo inestimable á cidade”.

A proposta debe ser ratificada polo Pleno Municipal e, unha vez coñecida a lista de galardóns, o acto de entrega será organizado cando o permita a situación sanitaria.

Descargar todas as imaxes