O Concello incorpora 13 rutas medioambientais interactivas á App “Vigo”
Desde hoxe, a aplicación suma un total de 21 rutas para gozar da cidade. Con estes contidos, o goberno municipal quere poñer en valor os recursos naturais das parroquias de Vigo, da costa, do río Lagares e das Illas Cíes.
O alcalde salientou que as rutas interactivas da app Vigo, un proxecto financiado con fondos FEDER DUSI da Unión Europea, foron premiadas xunto á plataforma Smart Cuty de Vigo nos premios Smart Cities & Communities de Europa e Asia Central na edición de 2020, celebrada en Rusia.
Desde hoxe están incorporados na app Vigo os tres sendeiros azuis: “Camiño a beiramar”, seguindo o río Lagares ata a costa, con dúas variantes: ata Canido e ata Bouzas; tamén o sendeiro entre faros nas Cíes e o sendeiro Litoral e do Monte da Guía. Amais, incorpóranse varios sendeiros locais: Bembrive-Beade, Cabral, Candeán, Coruxo, Oia, Saiáns, Valadares, Zamáns e Matamá-Comesaña, sumando un total de 21 propostas interactivas.
Caballero convidou a “gozar da cidade” a través destas rutas medioambientais que cualifica como “magníficas opcións para aproveitar os festivos e o resto dos días para pasear polo verde de Vigo” de forma cómoda porque a aplicación, desde o móbil, envía indicacións para facer as rutas e sinala os elementos de interese na zona que se visita.