Escoitar

O alcalde propón os comedores sociais e o persoal social municipal como Vigueses Distinguidos 2021

Abel Caballero quere recoñecer con este galardón o labor desenvolvido desde o inicio da pandemia polos comedores, que prepararon máis de 65.000 menús, e o esforzo do persoal municipal da área de Benestar Social que atendeu as necesidades que foron xurdindo.

venres, 26 mar 2021

O rexedor deu a coñecer este venres unha nova proposta, que será levada ao Pleno Municipal, para nomear Vigueses Distinguidos ex aequo as traballadoras sociais, educadoras sociais e técnicas de inclusión social do Concello polo seu "extraordinario traballo desde a declaración da pandemia atendendo a toda a necesidade social da cidade" e, conxuntamente, aos comedores sociais da cidade: a Fundación Casa da Caridade de Vigo - Fogar San José, singularizado en Sor Fernanda; a Misión del Silencio, singularizado en Sor Guadalupe; e ao comedor do Albergue Municipal de Marqués de Valterra" que "fixeron posible o reparto de 65.000 comidas, xestionado a través das traballadoras sociais" e co que conseguiron "evitar o risco de contaxio nos comedores".

Ademais, Caballero explicou que este recoñecemento incluirá unha mención especial a Hortensia González Fernández "Tensi", presidenta da Asociación Freixeiro de Axuda ao Necesitado, AFAN, "polo seu traballo extraordinario ao longo de tantos anos" e polo que a entidade xa recibiu anteriormente o premio Vigués Distinguido.

Esta proposta de Vigueses Distinguidos súmase ás anunciadas estes días: na área de cultura, Francisco Castro, director de Editorial Galaxia e escritor e, na de educación, os centros de ensino que cumpren 50 anos: Martín Códax, Fonte Oscura e Cristo da Victoria.

Ademais, Caballero avanzou que este domingo o goberno municipal celebrará unha "moi discreta cerimonia de homenaxe aos heroes da Reconquista na Praza da Independencia, quedando adiada a entrega dos galardóns ata que a situación sanitaria o permita. O autor do Bando da Reconquista deste ano 2021 é Francisco Puga, presidente de Delta Vigo.