Vigo opta a fondos europeos cunha fábrica de circuítos fotónicos e laboratorio de I+D
Abel Caballero participou este xoves na presentación do proxecto lanzado pola Zona Franca e a Universidade de Vigo ante o Goberno de España para intentar conseguir financiamento europeo. Cun orzamento de 50,4 millóns, a proposta xeraría 150 empregos directos de alto valor técnico e outros 700 indirectos.
Zona Franca e Universidade de Vigo presentaron a fondos europeos de recuperación Next Generation un proxecto para instalar na cidade unha fábrica de Circuítos Fotónicos e Laboratorio de I+D. O orzamento é de 50,4 millóns e en tres anos estaría en funcionamento. O proxecto xerará 150 postos de traballo directos de alto valor técnico e 700 indirectos no sistema nacional de I+D, provedores, startups e pemes.
Na presentación participaron o delegado do Estado en Zona Franca, David Regades; o profesor da Universidade de Vigo e experto en fotónica integrada, Francisco Díaz; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
Declaracións
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, lembrou que hai máis de tres décadas lanzábase a idea dunha Escola de Telecomunicacións en Vigo “e hoxe ratifícome nesa gran idea” tras o proxecto presentado sobre circuítos fotónicos. Caballero destacou que “o máis importante é poñernos na vangarda tecnolóxica deste planeta” e comprometeu “todo o apoio que necesite. Imos conseguilo”, dixo.
David Regades destacou que “a fábrica e laboratorio de circuítos fotónicos permitirá establecer unha instalación de nanofabricación e investigación líder en Europa, única no seu tipo na Península Ibérica e sur de Europa, de circuítos integrados fotónicos”. O profesor da Universidade de Vigo, Francisco Díaz, explicou que a fotónica “é unha tecnoloxía crave para a UE” pero de momento só hai dúas fábricas en Europa de chips, “cuxa fabricación se foi cara a Asia”, precisou.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou que se trata do “terceiro proxecto de Zona Franca para captar fondos europeos e non me sorprende porque coñecemos a capacidade de innovación e coñecemento da cidade”, ademais de destacar que “o futuro da industria pasa por estes proxectos baseados na tecnoloxía, innovación e coñecemento. Estou segura de que o Goberno de España vai apoiar esta idea, que será un proxecto único en España e o Sur de Europa”.
Proxecto
Tal e como figura no manifesto de interese (MDI) presentado ao Goberno, a fotónica revolucionará múltiples sectores, desde a industria do vehículo autónomo e conectado á atención médica, pasando pola electrónica, tecnoloxías da comunicación ou a eficiencia enerxética e a UE clasificouna como tecnoloxía esencial. A fotónica permite axuntar múltiples funcións ópticas nun só chip, o denominado circuíto integrado fotónico (PIC).
O proxecto está integrado por unha sala limpa de 1.000 metros cadrados para a fabricación dos PIC (circuíto integrado fotónico) baseados en InP ( fosfuro de indio): o Semiconductor InP Foundry and Advanced Research Centre (SPARC), e doutra banda, por un centro de investigación e innovación para tecnoloxías fotónicas en aplicacións de alto valor engadido.
O prazo de execución é de 36 meses, que comezará coa construción do espazo da sala limpa de fabricación ( Cleanroom) e o equipamento para o laboratorio e contratación de persoal técnico cualificado da sala limpa no primeiro ano. No segundo ano comezaría cos primeiros deseños de dispositivos para testeo e a continuación a primeira fabricación dos dispositivos.
Os dispositivos integrados ópticos supoñen un avance tecnolóxico cualitativo fronte aos circuítos microelectrónicos. Utilizando luz no canto de electróns, as prestacións destes dispositivos son moi superiores na redución de consumo enerxético, na capacidade de transmisión, procesado da información e en capacidade de medida.
Ademais de establecer en Vigo un centro punteiro en Europa, o proxecto terá un efecto tractor sobre sectores tecnolóxicos e estratéxicos nacionais, con creación de empregos de altísima cualificación e creación de startups. Tamén permitirá que se desenvolvan produtos ou servizos novos cun elevado contido de investigación con aplicacións para a economía e a sociedade e terá un impacto económico directo en segmentos de mercado que van desde as telecomunicacións ata as novas aplicacións de realidade virtual e aumentada, tecnoloxías cuánticas para aplicacións de comunicacións, seguridade, 5 G e Intelixencia Artificial.
En cinco anos, a fábrica absorbería ata un 10% do mercado de fabricación e un 20% do mercado de dispositivos, ademais dos efectos asociados sobre a creación de patentes e propiedade intelectual. Un fito para Vigo e para Galicia que nos sitúa no mapa europeo da alta tecnoloxía en semiconductores. Para España supoñería a creación dun novo ecosistema nacional e con capacidade de impacto transversal en distintos sectores da economía.
Unha vez identificado como proxecto tractor, darase entrada a un industrial especializado para liderar o proxecto. Clasificado pola Unión europea como unha das seis tecnoloxías facilitadoras clave (KET, Key Enabling Technology), o sector fotónico emprega aproximadamente a 290.000 persoas na UE, moitas delas nas máis de 5.000 pemes fotónicas europeas. As industrias relacionadas coa fotónica representan do 20 ao 30% da economía da UE e o 10% da poboación activa depende da fotónica, o que repercute directamente nuns 30 millóns de postos de traballo. O mercado da fotónica integrada mundial excedeu os 4.000 millóns de dólares en 2020 (2.000 millóns en Europa) e estímase unha taxa de crecemento entre o 20% e o 26%.