Escoitar

O alcalde destaca a “gran obra” de reforma da Praza da Miñoca cun investimento de 1,6 millóns de euros

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o proxecto de mellora e reordenación de espazos na Praza da Miñoca que ten un prazo estimado de execución de 6 meses e que se desenvolverá co fin de “naturalizar o espazo”.

xoves, 25 mar 2021

O rexedor explicou que se plantarán cerdeiras, árbores xaponesas e que o deseño dos xardíns quedará integrado nos estanques e canalizacións de auga. A reforma inclúe a creación dun río artificial, a disposición do terreo en bancais, a ampliación do parque infantil ata os 2.000 metros cadrados, un parque biosaudable, unha bancada multifuncional e unha zona de parkour.

Amais, o Concello renovará as redes de abastecemento, as canalizacións eléctricas e a rede de pluviais, instalará iluminación nova con maior calidade e aforro enerxético, reparará a escultura da miñoca e recolocará os bancos de pedra entre outras actuacións.

Na sesión de hoxe da Xunta de Goberno Local, quedou adxudicado o proxecto de cubrición do patio do Ceip Balaídos cun importe de licitación de 397.485 euros. As obras inclúen a cobertura dunha pista deportiva, a de maior tamaño e máis próxima á entrada, que conta con porterías de fútbol e un firme deteriorado polo paso do tempo.

A obra enmárcase no convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Deputación de Pontevedra, que inclúe tamén a cubrición do patio do Ceip Pintor Laxeiro. Tal e como explicou o alcalde, o Concello ten asumido xa a cubrición de 5 patios de centros educativos da cidade: García Barbón, Canicouva, Rocío, Castelao e Carballal e está previsto que realice as obras nos centros Villalaura e Frián Teis. Amais, no orzamento 2021 hai contía reservada para outro patio máis “mentres a Xunta de Galicia, que ten a competencia, en Vigo nin está nin se lle espera”.