Escoitar

O alcalde propón galardoar co Vigués Distinguido aos colexios Martín Códax, Fonte Escura e Cristo da Victoria

Os tres centros celebran este ano medio século de vida e súmanse á distinción xa anunciada por Caballero para o director xeral de Galaxia, Francisco Castro. “O noso recoñecemento ao traballo excepcional que fixeron na formación e na educación de tantos nenos e nenas, chicos e chicas da cidade de Vigo nos últimos cincuenta anos”, afirmou o rexedor.

mércores, 24 mar 2021

O 2021 será o terceiro ano consecutivo no que o Concello condecore aos colexios vigueses que están de aniversario. “Estamos converténdoo nunha tradición, a conmemoración dos cincuenta anos de tantos centros de educación que comezaron a funcionar en Vigo cando se produciu o avance do ensino”, explicou Abel Caballero.

Singularmente, este ano cumpren medio século de funcionamento a Escola de Educación Infantil Cristo da Victoria, o CEIP Fonte Escura e o Colexio Martín Códax, tal e como nomeou o alcalde este mércores en rolda de prensa: “O noso recoñecemento ao traballo excepcional que fixeron na formación e na educación de tantos nenos e nenas, chicos e chicas da cidade de Vigo nos últimos cincuenta anos”.

Os tres centros de ensino son o segundo Vigués Distinguido proposto polo alcalde de Vigo ata o momento, logo de que Abel Caballero lanzara onte martes o nome de Francisco Castro, escritor e director xeral da editorial Galaxia. O primeiro edil tamén avanzara que o acto de entrega dos galardóns deste ano queda adiado ata que as condicións sanitarias permitan celebralo.