Escoitar

O presidente de Delta Vigo, Francisco Puga, lerá o Bando da Reconquista 2021

O alcalde encargoulle ao presidente de Delta Vigo a elaboración do Bando e a lectura do mesmo no acto de entrega dos galardóns Viguesas e Vigueses Distinguidos que queda adiado ata que as condicións sanitarias permitan a súa celebración.

martes, 23 mar 2021

Abel Caballero destacou a figura de Francisco Puga como un “empresario excepcional” que herdou as empresas familiares e foi quen de “poñelas no lugar punta do ámbito da automoción e da aeronáutica cunhas tecnoloxías excepcionais”. No ámbito persoal, apuntou, é unha persoa de “extraordinaria calidade” para elaborar e ler o Bando da Reconquista neste ano 2021.

Delta Vigo conta nestes momentos con dous centros na cidade e un en Toledo, con 150 empregados de “alta cualificación e alto valor engadido” e abastece diferentes fábricas de automóbiles tanto en España como, por exemplo, Alemaña. “E fan algo extraordinario: fabrican máquinas para elaborar pezas que usan as factorías de automoción máis importantes do mundo. Isto antes facíao Alemaña, agora fabrícanse aquí”, destacou o rexedor que se referiu tamén ao traballo de Delta Vigo como provedor de Boeing, Airbus ou Bombardier entre outros nomes da industria aeronáutica.

Francisco Puga lerá o Bando da Reconquista durante o acto de entrega dos galardóns Viguesas e Vigueses Distinguidos que se celebrará cando a pandemia o permita, segundo explicou o alcalde, que avanzou que o acto destes días será “moi sinxelo na Praza da Independencia”.