Escoitar

O alcalde salienta “o esforzo colectivo da cidade e da Deputación” para a construción da nova grada de Marcador

O goberno municipal celebrou este mércores o “acto simbólico” de colocación da primeira pedra da nova grada de Marcador do Estadio Municipal de Balaídos, no que estiveron presentes a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o delegado de Zona Franca en Vigo, David Regades, edís do goberno municipal, representantes das peñas do Celta e o cronista oficial da cidade, Ceferino de Blas.

mércores, 24 mar 2021

Abel Caballero trasladou a súa “enorme emoción” polo inicio da obra que valora como resultado do “esforzo colectivo da cidade e da Deputación, de dúas institucións que non estamos dispostas a deixar a Vigo sen un grande estadio de fútbol”, polo que agradeceu “moitísimo” a cooperación de Carmela Silva e da entidade provincial.

O orzamento da nova grada de Marcador é de 15,5 millóns de euros, “a maior obra licitada na historia de Vigo que pagamos ao 50%, ninguén máis coopera”, puntualizou o alcalde lamentando a falta de cooperación doutras institucións aínda que explicou que “o campo non vai contra ninguén, vai a favor de todos, da cidade, da xente, das persoas, do deporte; impulsa, axuda e promove”.

O rexedor vigués entende que a obra continúa a súa aposta por seguir facendo cidade porque “unha cidade componse de persoas e dos seus sentimentos e hai un valor colectivo que se chama Celta de Vigo”. Por iso, apuntou, “tiñamos que facer esta grande transformación para ter un grande estadio de fútbol para que xogue o equipo e participe del a cidade con algo moi importante: a seguridade, que queda acrecentada con esta obra”.

En segundo lugar, destacou que a obra implica a “dignificación do fútbol na cidade” co Celta como un “equipo excepcional” e coa grada de Marcador que continúa a reforma do Estadio iniciada coas gradas de Tribuna e de Río. En terceiro lugar, mencionou Caballero a estética do estadio que é unha “obra arquitectónica colosal; non coñezo un só campo de fútbol no mundo tan bonito coma este, é posible que o haxa pero non o coñezo”.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa emoción polo inicio do proxecto e declarouse “inmensamente feliz porque máis que unha construción, a obra de Balaídos é o sentimento dunha cidade”. “O Celta dixo- forma parte desta cidade, somos todas e todos. E investir neste campo de fútbol do Celta de Vigo é investir no futuro da cidade, porque o club levou o noso nome por todo o mundo. Polo tanto, ter un campo de fútbol á altura desta gran cidade e dun equipo como é o Celta, que é a nosa historia, é apostar por facer a cidade máis grande”.

Subliñou que a Deputación, “que nunca antes apostara por Vigo”, financiará o 50% do custo da obra, que definiu como “unha grande obra arquitectónica, dunha beleza inconmensurable” e amosou a súa confianza en que “cando estea finalizada, vai ser un emblema que a xente virá a visitar como ocorre en tantas cidades de Europa e do mundo”. “Temos que sentirnos orgullosas e orgullosos indicou a presidenta provincial-, porque non somos nin máis nin menos que ninguén e queremos ter grandes infraestruturas deportivas. E o Celta meréceo. Soamente as persoas miopes son incapaces de ver a importancia deste investimento”.

Por último, concluíu felicitando ao alcalde, Abel Caballero, “que está a transformar esta cidade cunha ambición como nunca tivemos. As e os miopes que estiveron tanto tempo nesta cidade e fóra dicindo que non podiamos que se decaten de que si, que podemos e agora comezamos con Marcador”.

 

Descargar todas as imaxes