“Carótidas e coronarias”, nova mostra de Afinidades Selectivas na Casa Galega da Cultura
O rexedor asistiu este mércores á presentación da exposición que amosa oito proxectos de nove artistas, xurdidos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e referiuse aos 12 anos de traxectoria do ciclo Afinidades Selectivas que organiza a Universidade e que conta coa colaboración do Concello.
“Celebramos este aniversario cunha exposición singular e importante nesta forma de cooperación e convivencia notable entre alumnado e profesorado, nun proceso dialéctico de conformación e vontade artística, experiencia e calidade”, apuntou Caballero durante a presentación da mostra celebrada este mércores na Casa Galega da Cultura, onde permanecerá aberta ata o 9 de maio.
Na presentación participaron Natalia Caparrini Marín, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da Universidade de Vigo e Juan Carlos Román Redondo, comisario da exposición e profesor da Uvigo.
“Carótidas e coronarias” presenta en 8 proxectos o sentir de 9 artistas que se encontraron na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, un lugar onde se producen continuos e produtivos choques entre o proxecto e o proceso como territorio no que todo pode ocorrer. Son creacións de arte contemporánea: debuxo, pintura, escultura e audiovisual.
O alcalde desexou “longa vida a este proxecto” e felicitou aos artistas que expoñen a súa obra na Casa Galega da Cultura onde, dixo, “queremos facer una nova forma de entender este espazo, no corazón da cidade, unindo vontades e marchas: a da universidade, da Facultade de Belas Artes e o Concello e cidade de Vigo”.
Artistas e obras:
- Mar Ramón Soriano: “Diálogo” “Diálogo. Unha plancha sublimada”
- Julia Huete: “Composición amarela”
- José Chavete: “Densificación diagonal por selección”
- Rapapawn (Cynthia Alfonso e Óscar Raña): “S/T”
- Araceli Liste: “Nubes I”, “Nubes II”, “Nubes III”, “Nubes IV”
- María Silva: “Habitarme”
- Suso Fandiño: ““Hollywood”
- Ruth Vidal: “Lugar de lugares”