O goberno municipal contrata a xestión da Escola Infantil de Bembrive por 345.000 euros anuais
A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao expediente de contratación dos servizos de xestión da nova escola infantil municipal de Bembrive por un período de catro anos.
Segundo informou o alcalde en rolda de prensa, quedaron aprobados os pregos do contrato amais da apertura do proceso de licitación pública. Tal e como explicou, a Fundación Amancio Ortega, investiu 3,5 millóns na construción da escola que agora xestionará o Concello cunha oferta de 82 prazas.
Ata o 9 de abril está aberto o prazo para solicitar algunha das 674 prazas dispoñibles nas nove escolas infantís municipais para o próximo curso 2021-2022: EIM Atalaia-Teis, EIM Bembrive, EIM Bouzas, EIM Mestres Goldar-Castrelos, EIM Costeira-Saiáns, EIM Navia, EIM Sta.Cristina-Lavadores, EIM Tomás Alonso e EIM Santa Marta-Casco Vello.
Caballero apuntou que o Concello dedica máis de 2 millóns de euros anuais ás escolas infantís municipais subvencionando o 82% do seu custo para as familias.
Achega á Rede Veciñal contra os Malos Tratos
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o Convenio coa Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, no marco do fomento do emprego para a potenciación do acompañamento e apoio ás vítimas de violencia de xénero, que ten un importe de 48.828 euros.
Con esta achega o Concello subvenciona a contratación por parte da Rede de catro profesionais, entre os meses de febreiro e setembro, ambos incluídos. A entidade recibe apoio do goberno municipal por valor de case 100.000 euros anuais porque “queremos estar na vangarda da loita contra as violencias machistas”, sinalou o alcalde, que engadiu que o Concello dedica 1,5 millóns de euros á igualdade e a loita contra a violencia de xénero.