Caballero eloxia a estación de alta velocidade que supón "unha nova dimensión na cidade"
O rexedor visitou as obras do complexo situado en Urzáiz xunto á presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, que se referiu á "visión estratéxica e transformadora" do Concello sobre esta obra que cambiará Vigo.
"Hoxe é un grande momento para a cidade", declarou Caballero ao finalizar a visita á estación de alta velocidade de Vigo que cualifica como "unha das grandes estacións de Europa" eloxiando a obra arquitectónica e o espazo de 30.000 metros cadrados que terá no teito para o goce cidadá con ámbitos de restauración, pistas de skate, zonas de mocidade e maiores e un grande miradoiro.
"Isto significa unha nova dimensión na cidade porque vai cambiar o propio concepto da cidade e unha parte da economía da cidade", apuntou o rexedor, agradecendo o esforzo de ADIF e da súa presidenta para finalizar a estación: "encontramos apoio continuo no Goberno e España, o que permitiu superar tantas cuestións" e agradeceu tamén o traballo de Ceetrus nunha obra "tecnicamente complexa", así como o da Xunta de Galicia.
O Concello está executando nestes momentos a reforma da Praza da Estación que contará cun ascensor externo para comunicar con Vía Norte e, ao tempo, desenvólvense os traballos do túnel de entrada e saída da AP9 na cidade. Mencionou o alcalde o goberno de Zapatero que "accedeu á petición de facer un túnel de Redondela a Vigo para meter a vía do tren sete metros baixo cota, que hoxe "é o que nos permite falar de saída sur e que non contemplaba o proxecto que se manexaba naquel momento".
A presidenta Adif, Isabel Pardo de Vera destacou a importancia da "multimobilidade en términos de transformación de cidade" para aportar moito máis valor á cidadanía xa que "permite satisfacer calquera necesidade de mobilidade sexa cal sexa a estrutura territorial dun ámbito". Amais, puxo en valor a "obra de arte deseñada por Thom Mayne", e por Ceetrus, que tiveron en conta tódolos parámetros de deseño e tecnoloxía para concibir un espazo luminoso, un exemplo, dixo, de como "un proxecto de éxito pode saír cunha visión estratéxica do Concello ,que a tivo hai moitos anos, e cunha visión transformadora de en que se pode converter unha cidade. É un fito moi importante que en breve estará a disposición da cidadanía". Precisamente sobre os prazos apuntou que a previsión é que a estación estea plenamente operativa en setembro e os accesos definitivos entre marzo e abril de 2022.