Escoitar

As ramplas da Gran Vía e o carril bici, Premio Semana Española da Mobilidade Sostible

O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de comunicar a decisión ao Concello. “Estamos empezando a ser unha gran referencia en España e no mundo de mobilidade sostible, ecolóxica e respectuosa”, saudou o alcalde, quen subliñou que trátase da segunda distinción que reciben as ramplas mecánicas da Gran Vía, logo do primeiro premio da prestixiosa publicación Elevator World.

venres, 26 mar 2021
Abel Caballero trasladou este venres en rolda de prensa a resolución do Goberno de España
Abel Caballero trasladou este venres en rolda de prensa a resolución do Goberno de España

Vigo suma un novo galardón nacional polo seu proxecto de mobilidade urbana. O Premio Semana Española da Mobilidade Sostible 2020 recaeu no Concello de Vigo polas ramplas mecánicas da Gran Vía e o carril bici desde Teis ata a Avenida de Castelao, un recoñecemento outorgado polo xurado e comunicado recentemente polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

O galardón -compartido ex aequo con Pamplona- recoñece o traballo do Concello pola “seguridade dos ciclistas” no carril bici e, nas ramplas da Gran Vía, “os esforzos por facer da cidade un entorno amigable para os peóns, fomentando os desprazamentos a pé”, tal e como narrou Caballero. “O Goberno de España acaba de dar o Premio Semana Española da Mobilidade Sostible 2020 ás ramplas da Gran Vía e ao carril bici da cidade de Vigo”, informou o alcalde: “Estou satisfeito, contento e orgullosísimo”.

Non é o primeiro recoñecemento que recibe nin as ramplas da Gran Vía nin a iniciativa do Vigo Vertical. Abel Caballero recordou que no 2015 o Ministerio distinguiu tamén ás escaleiras mecánicas da Porta do Sol. En segundo lugar, a prestixiosa publicación Elevator World concedeu o seu Primeiro Premio do Proxecto do Ano 2021 ás ramplas mecánicas da Gran Vía, situando a Vigo, engadiu Caballero, ao nivel doutras urbes gañadoras en 2021, como Melbourne, Nova York, Xerusalén ou Hong Kong. Por último, a revista especializada City Monitor, de San Francisco, fixo referencia ao proxecto vigués, mostrando as ramplas mecánicas e os ascensores de Vigo como “exemplo” de mobilidade: “Estamos empezando a ser unha gran referencia en España e no mundo de mobilidade sostible, ecolóxica e respectuosa”, concluíu o alcalde.

Descargar todas as imaxes