Escoitar

Caballero subliña que os túneles de Porta do Sol e Lepanto avanzan “a moi bo ritmo”

No centro, a obra discorre baixo terra co cimentado do trazado do paso inferior, cos micropilotes de suxeición xa instalados e a monitorización de “centos de vivendas e locais comerciais” para rexistrar eventuais alteracións. En Lepanto, o Concello está colocando os pilotes na entrada do túnel á autoestrada.

luns, 1 mar 2021

O alcalde informou este luns do estado dos traballos de construción dos pasos inferiores de Porta do Sol e de Lepanto, que en ambos casos avanzan “a moi bo ritmo”.

Na peonalización da Porta do Sol, Caballero explicou que ata o de agora completouse a escavación arqueolóxica do tramo da antiga muralla e o seguimento arqueolóxico dos movementos de terras, ademais de estar practicamente canalizados os servizos soterrados. Neste momento, os operarios traballan na cimentación do trazado polo que transitarán os vehículos, sobre o antigo aparcamento da Porta do Sol, e se están a derrubar pórticos e tabiques do estacionamento soterrado, para o que se retirou material en superficie para rebaixar o peso da estrutura. Engadiu o primeiro edil que xa se instalaron todos os micropilotes do túnel.

No tocante á protección dos inmobles da contorna, o goberno de Vigo rexistrou “centros de vivendas e locais comerciais” para verificar a situación na que se atopaban antes da obra e colocou 115 elementos de auscultación para monitorizar os edificios e advertir con medicións láser calquera alteración que se poida producir durante a obra.

En segundo lugar, “tamén seguen as obras e a bo ritmo no túnel de Lepanto”, trasladou Caballero. Segundo comunicou, a empresa adxudicataria dos traballos xa está a colocar os pilotes de suxeición do futuro paso inferior que dará acceso á AP9.