Escoitar

O alcalde esixe celeridade na ampliación do Ifevi para que poida estar operativa este ano

Abel Caballero insiste na necesidade de apurar a ampliación do Ifevi dado que os prazos que prantexa a Xunta “van moi xustos” cando anuncia que os traballos van a comezar en maio. Lembra a importancia de que este proxecto estea listo para a próxima edición de Conxemar.

luns, 1 mar 2021

O alcalde instou a acelerar a contratación e construción da ampliación do Ifevi, toda vez que a Xunta prevé iniciar os traballos no mes de maio. Tal e como ten repetido en varias ocasións, o Goberno autonómico puido ter iniciado unha licitación condicionada á obtención dos terreos, seguindo exemplos como o da remodelación da Praza da Estación, cando o Concello fixo unha licitación anticipada condicionada á sinatura do convenio.

Na súa opinión, a Xunta ten que deixar de buscar culpables do atraso noutras administracións e darlle celeridade á tramitación dado que os “prazos van xustos” para que a a ampliación estea dispoñible de cara á próxima edición de Conxemar. De feito, xa recoñecen que o uso deste espazo vai ser provisional neste outono, asumindo que xa a obra definitiva non estará rematada.