Escoitar

O Concello propón o alugueiro de 15 locais do Consorcio do Casco Vello de Vigo

O alcalde enviará unha carta ao ente notificándolle a intención municipal de alugar unha quincena de locais comerciais e de oficinas, actualmente desocupados, para "dinamizar o Casco Vello" e polos que aboaría 30.000 euros anuais.

luns, 1 mar 2021

Para Caballero a desocupación dos espazos "preocúpanos porque xera mala imaxe do Casco Vello, desmobiliza a zona", amais de que precisan mantemento e non xeran ningún retorno social positivo. "Queremos poñer os 15 locais a disposición da cidade" aboando 30.000 euros anuais ao Consorcio e asumindo o seu mantemento e conservación. Tal e como expuxo, o Consorcio encargou "hai un par de anos" un estudo para alugalos e xerar actividade que concluíu coa idea de que podía externalizarse.

O obxectivo, segundo Caballero, é que neses espazos haxa actividade compatible co uso residencial, coas vivendas e familias: unha parte sería para uso comercial, cultural, estudos ou oficinas de diferente ámbito, para actividades cidadás, tecido asociativo, para un espazo expositivo e de divulgación artística, actividades artesanais, turismo e eventos...

O alcalde cre que dende o Consorcio "teñen que dicir que si; queremos que sexa rápido, ocupar os locais para dinamizar o Casco Vello", un obxectivo do que "se encargará o Concello". Os inmobles están situados nas seguintes rúas do Casco Vello Alto: Abeleira Menéndez (dous), Cruz Verde (dous), Ferreiría (cinco), San Sebastián (tres), Santiago (dous) e Subida á Costa (un).