Vigo acollerá a Administración de asistencia Dixital Integral de Galicia
Vigo será a sede da Administración de asistencia Dixital Integral de Galicia, unha unidade da Axencia Estatal de Administración Tributaria, con 92 traballadores públicos. A ministra de Facenda trasladoulle ao alcalde a pasada fin de semana a elección da cidade para implantar un servizo que ten por obxectivo mellorar a atención aos contribuíntes con medios telemáticos.
O alcalde de Vigo foi informado pola ministra de Facenda, María Jesús Montero, da próxima implantación en Vigo da Administración de asistencia Dixital Integral (ADI) para toda Galicia, unha plataforma dirixida a prestar servizos de información e asistencia á cidadanía a través de medios electrónicos. A Axencia Estatal de Administración Tributaria pretende a potenciación dos servizos de información e asistencia prestados aos contribuíntes, priorizando o uso das novas tecnoloxías fronte aos medios tradicionais de asistencia presencial. A primeira sede destas características estableceuse en Valencia e a segunda empezará a funcionar proximamente en Vigo.
Esta unidade administrativa, que dependerá directamente de Madrid, contará con case un centenar de traballadores públicos (2 inspectores; 44 técnicos adicados a funcións tributarias de información e asistencia; 1 técnico dedicado a tarefas de persoal e recursos humanos; 1 técnico dedicado a labores de informática; 40 axentes da facenda pública; 4 administrativos (persoal de apoio de labores de recursos humanos e informática).
A posta en marcha definitiva da ADI require dispoñer dun local axeitado para o desenvolvemento do traballo, con dotación de medios materiais, que replicarán os xa establecidos por traballador na unidade de Valencia. Tras a incorporación do persoal en outubro e a formación precisa, a unidade administrativa de Vigo podería estar informando e asistindo aos contribuíntes desde no mes de novembro. Segundo está programado, a ADI de Vigo prestará asistencia en todas as materias previstas para estas unidades: censais, IVA e IRPF -integrando os servizos correspondentes ás áreas de xestión tributaria, inspección de financeira e tributaria, ademais de aduanas e impostos especiais-.
Abel Caballero trasladoulle á ministra o seu agradecemento por elixir Vigo para implantar un servizo que reforzará a presencia da administración pública e supón unha nova forma de entender a cidade desde o Goberno de España”