O Concello construirá un pavillón de skate e Bmx e instalará unha pista de skate no Auditorio
Abel Caballero avanzou que este mesmo venres deu "instrucións" para o inicio da tramitación destas novas infraestruturas que permitirán "estender esta cultura de deporte urbano" e que supón "seguir abrindo espazos para a práctica destas modalidades durante todo o ano".
Segundo anunciou o rexedor, a construción da pista de skate nos baixos do Auditorio Mar de Vigo, de propiedade municipal, estará lista despois do verán. Será unha nova dotación deportiva nunha zona importante de grande extensión, que permite o establecemento desta pista cuberta que será de uso gratuíto, cun horario que haberá que determinar.
Amais, Caballero ordenou o inicio da tramitación para a construción dun pavillón para a práctica de skate e BMX, que precisa algo máis de altura, tal e como apuntou. Estará situado nun lugar do centro da cidade, "que anunciarei o vindeiro luns", próximo á poboación nova e ben conectado xa que a mocidade, dixo, desprázase de xeito habitual no autobús urbano, polo que é un aspecto importante. Será tamén de uso gratuíto.
O alcalde puxo en valor a aposta do Concello polos deportes urbanos e a apertura de espazos para a práctica de skate e BMX a cuberto durante todo o ano.