Escoitar

O goberno local amplía o programa Xantar na casa para atender a 200 persoas dependentes

O goberno local aprobou un incremento de 58.000 euros no programa Xantar na casa para aumentar a 200 os beneficiarios que ata o de agora eran 120. Trátase dunha iniciativa complementaria ao Servizo de axuda no fogar dirixida a colectivos de persoas maiores ou dependentes.

xoves, 26 nov 2020

A Xunta de Goberno local deu luz verde ao incremento en 80 prazas do programa Xantar na casa o que supón un aumento orzamentario de 58.000 euros, pasando de 70.000 en 2020 a 128.000 en 2021. Deste xeito serán 200 os beneficiarios dunha iniciativa social de atención nutricional dirixido a colectivos de persoas maiores ou en situación de dependencia.

Segundo explicou o rexedor, trátase dun apoio de alimentación no domicilio que funciona os 365 días do ano, levando a estes fogares a comida elaborada por nutricionistas e facendo un seguemento destas persoas vulnerables, evitando situacións de desnutrición, mala alimentación, etc ….e mellorando a súa calidade de vida. Prepáranse as dietas en función das recomendacións dos médicos de atención primaria, axustadas a todo tipo de circunstancias persoais (hipertensión, diabetes, celiaquía….).

Xantar na casa é un programa complementario ao Servizo de Axuda no fogar, tentando dotar a estas persoas da máxima independencia. Préstaselles coidados ás persoas que o precisen no seu propio entorno para evitar o desarraigo e atrasar o máximo posible os ingresos en residencias.

Instalacións deportivas

O goberno local aprobou tamén a contratación dos servizos de apertura, control, manexo de equipamentos e peche de instalacións deportivas. Cun custo anual de 563.000 euros, contrátanse máis de 40.000 horas para atender quince espazos municipais: Coruxo; Castrelos; Bembrive; Lavadores; Sárdoma; Candeán; Teis; Bouzas; Coia; Carballal; Valladares; campo de fútbol do Carballal; pistas de atletismo; así como os pavillóns de Romil e Quirós.

Outro dos asuntos validados esta mañá foi a contratación e instalación dunha pista acrobática de competición parar ao pavillón da Etea por 51.425 euros. Esta dotación ven a sumarse a outra que a existía e será utilizada por uns 600 deportistas, a meirande parte deles, mulleres.

Grada de Marcador

O Concello segue adiante coa remodelación do estadio municipal de Balaídos e esta mañá recibiu luz verde a contratación do servizo de coordinación e saúde das obras do proxecto de Marcador por un importe de 144.205 euros. As obras desta grada e a mellora dos asentos de Río, lembrou o rexedor, ascenderan a 15,5 millóns financiados ao 50% entre Concello e Deputación. Caballero afeou á Xunta que non achegara nin un euro á rehabilitación do estadio de Balaídos. Tal e como detallou, instalaranse 6.418 butacas de aforo (agora hai 6.600) das que 2.791 serán para Marcador Alto e 3.977 para Marcador Baixo, ademais de oito ascensores que darán servizo tamén aos laterais do estadio e a supresión das dúas torres exteriores de iluminación, redistribuíndo os focos existentes no resto das bancadas.

 


Sentenza aparcamentos

Na Xunta de Goberno local tamén se deu conta dunha resolución do Tribunal Superior de Xustiza que acorda a execución da setenza polas liquidacións do contrato de concesión dos aparcamentos de Jenaro de la Fuente e Castelao, adxudicados o 21 de maio de 2007, polo PP. A sentenza -que é firme e ante a que non cabe recurso – obriga ao Concello a resarcir á concesionaria porque os parkings non cumpren coa ocupación para ser rendibles. En todo caso, o goberno local xa fixo unha proposta de liquidación de 7.143.000 euros para solventar un problema xerado no 2007 por unha mala concesión do Partido Popular. Caballero explicou que o actual goberno municipal vese na obriga, unha vez máis, “de pagar as facturas” de anteriores xestores municipais, como aconteceu cos 35 millóns que tivo que abonar polo Auditorio Mar de Vigo, tamén adxudicado polo goberno encabezado por Corina Porro.