A Cabalgata de Reis, estática e con seguridade "covid" 1.000 por 100, xa é un modelo en toda España
A Xunta de Goberno local deu luz verde esta mañá á contratación da loxística que permitirá que a Cabalgata de Reis -que será estática nesta ocasión – resulte 1.000 por 100 segura Covid. Tal e como dixo o rexedor, a proposta de Vigo xa é un referente de deseño en toda España.
O goberno local aprobou esta mañá a contratación da prestación do servizo de produción técnica e servizos auxiliares para a realización da Cabalgata que nesta ocasión será estática e se instalará na avenida Castelao. Por un importe de 51.876 euros de licitación, contrátase a loxística do evento: valados, persoal e control de aforos, instalacións de espazos de apoio e descanso dos profesionais, entre outros. Ao montante da organización hai que sumar outros 65.000 euros para a confección das carrozas.
En declaracións aos medios, o rexedor enfatizou que “estamos deseñando unha Cabalgata con seguridade 1.000 por 100 covid”, que está a ser un modelo en España ao encaixar dentro das recomendacións sanitarias do Goberno Central e que xa desperta o interese doutros moitos concellos que chaman a Vigo para coñecer a organización. Trátase, dixo, dunha proposta “imaxinativa” para que os nenos e nenas de Vigo poidan gozar dos Reis Magos con distancias de seguridade, grupos de persoas convivintes, con espazos de acceso e tránsito delimitados por valados. Para garantir a afluencia escalonada de público, o horario será desde as 12,00 ata as 20,00 horas. En todo caso, explicou, este ano non haberá a tradición recepción nin as visitas aos hospitais.
O Nadal en Vigo será este ano distinto por razóns sanitarias e celebrarase coas máximas precaucións covid, tal e como insistiu o rexedor, con sesenta rúas perimetradas con control de aforos, explicou o rexedor, ao tempo que aclaro que está atrasando o acendido das luces para achegarse ao máximo posible á apertura da hostalaría.