Declaración institucional do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres
Concepción Martínez, voceira da Asociación de Mulleres Lúa, en representación do Consello da Muller, deu lectura na sesión plenaria ao manifesto con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres.
Chegamos de novo ao 25 de novembro, son tempos difíciles, pero dende o Consello Municipal das Mulleres da cidade de Vigo seguimos traballando a prol da xustiza e da liberdade, porque ningunha muller pode quedar sen voz, e máis neste ano 2020, un ano que silencia todo aquilo que considera secundario, ante unha crise sanitaria que vemos que non fixo máis que intensificar as desigualdades sociais, máis concretamente as situacións das violencias contra as mulleres. Neste 2020, máis ca nunca, seremos a voz das sen voz.
Queremos trasladarlle á cidade unha mensaxe de esperanza, de optimismo, aínda que as cifras que manexamos cada día nos indiquen o contrario, aínda que cada vez que acendemos a televisión aparezan de xeito continuo noticias nas que as mulleres son as protagonistas, e non polo seu traballo, senón por seren as destinatarias da grande cantidade de feitos violentos que acontecen cada día.
Queremos unha sociedade igualitaria, na que as mulleres teñamos o que nos corresponde, eliminando calquera tipo de violencia, ben sexa física, sexual, psicolóxica... Queremos que as mulleres teñamos o papel que nos corresponde, que poidamos chegar a calquera das metas que nos propoñamos, que saiamos a rúa sen medo, e que esteamos satisfeitas co noso corpo, a nosa procedencia e a diversidade que temos.
E para conseguir todo isto precisamos da axuda das administracións, especialmente deste Concello como administración máis próxima á cidadanía.
E especialmente neste ano, no que a terrible pandemia provocada pola Covid está a aumentar as dificultades que moitas mulleres teñen a cotío na súa vida, onde cada día senten medo e non poden manifestarse de xeito libre.
Dificultades que tamén afectan aos seus fillos e fillas, vítimas tamén desta situación.
Esta crise sanitaria intensificou problemáticas que o movemento feminista xa tiña enriba da mesa, como a necesidade de conciliar, poñer o valor dos coidados no centro, a situación do persoal sanitario, das limpadoras, das coidadoras, das traballadoras domésticas...todas na primeira liña do coidado da sociedade, porque somos nós as que sostemos e mantemos o equilibrio dun sistema que non fai máis que invisibilizarnos e utilizarnos cando máis lle convén, ata o punto de chegar a suprimir os nosos dereitos humanos.
As mulleres representan o 70% da forza laboral social e sanitaria en todo o mundo, e unha elevada porcentaxe de nós mostrará secuelas tras esta crise, algunhas destas secuelas prolongaranse no tempo, tal e como sucedeu noutras epidemias e noutros contextos: ansiedade, depresión, tensión aguda... Isto requirirá intervencións específicas cos colectivos maioritariamente afectados, neste caso coas mulleres. Os gobernos teñen a responsabilidade de non deixarnos atrás e de pór en marcha estratexias eficaces, solidarias e equitativas, que polo menos non profunden nas desigualdades existentes.
O activismo feminista pode que mudara, pero non a nosa forza e a necesidade de seguir relacionándonos e traballando conxuntamente... En consecuencia creamos novas alternativas que fixeron posible a nosa colaboración con colectivos diversos en diferentes lugares do mundo. As sinerxias que creamos por obriga quedarán como novas ferramentas inclusivas e participativas dentro do movemento feminista.
Precisamos que a situación que estamos a vivir sexa xestionada e aproveitada como unha oportunidade de cambio e transformación social, que redunde favorablemente no benestar e na calidade de vida de toda a sociedade. E máis concretamente das mulleres, xa que o confinamento fixo que denunciáramos menos, non podemos lograr a imaxinar as situacións que se puideron chegar a vivir. As mulleres vítimas de violencia xa vivían confinadas antes da crise sanitaria, pero nese momento foron illadas xunto cos agresores, impedindo calquera vía de escape para elas e as súas crianzas. Lembramos que só elas son as que levan demasiados anos loitando contra a pandemia na que viven. É necesario poñer recursos para que as mulleres sintamos que non estamos soas. Son necesarios programas que sexan postos en marcha por profesionais coa formación suficiente para traballar coas mulleres. Que ningunha muller que teña que deixar a súa casa e non teña un lugar onde cobixarse e vivir sen medo mentres reorganiza a súa vida, xa que os recursos existentes seguen sendo insuficientes e paternalistas. Debemos traballar profundamente na educación das crianzas, esta é sen lugar a dúbidas unha ferramenta imprescindible para este avance. Eduquemos os nosos fillos e fillas no respecto, na igualdade, na tolerancia, na diversidade, no espíritu crítico que faga que sexan capaces de valorar o que miran, de xestionar as súas emocións, de ter empatía con quen lles rodea…
E debemos recuperar os medios de comunicación para a sociedade, porque se converteron en medios de desinformación e manipulación, onde todo está baseado no sensacionalismo en favor dos intereses empresariais. Debemos recuperar o poder da información veraz e sen estigmas de xénero, deben darnos voz.
Sigamos crendo que somos quen de deter as violencias machistas, porque o número de compañeiras segue aumentando dentro dos movementos de mulleres e feministas. Sigamos crendo que somos quen de deter as violencias machistas, porque aumenta día a día a conciencia de xénero e as ferramentas cada vez son máis sólidas para que a perspectiva de xénero impregne todas as políticas e servizos que se implanten.
Porque a pandemia si entende de xénero.