Caballero defende un Vigo “exemplo de igualdade” fronte á violencia machista
Abel Caballero participou esta mañá no Enlaza Vigo 2020, a iniciativa municipal coa que o Concello de Vigo celebra o Día internacional pola eliminación da violencia contra a muller. Nesta ocasión foron 33 centros educativos de secundaria os que formaron parte dun programa de actividades que pretende concienciar á mocidade da necesidade de loitar contra todo tipo de violencia ou sometemento machista.
Baixo o lema “A mocidade viguesa contra a escala da violencia de xénero”, Vigo sumouse hoxe á celebración do Día internacional pola eliminación da violencia contra a muller. Un ano máis, o Concello organizou o Enlaza Vigo, nesta ocasión co participación de 33 centros de ensino secundario dos que 14 se conectaron a través de skipe co acto institucional organizado esta mañá no Auditorio municipal. O rexedor tivo a oportunidade de saudar e agradecer esta iniciativa nunha intervención na que defendeu a igualdade como a mellor ferramenta para loitar contra a violencia machista. Enfatizou a importancia de organizar iniciativas como o Enlaza Vigo para “construír unha sociedade nova que teña como valor predominante a igualdade, sen cabida para ningún tipo de violencia ou sometemento”. Desde Vigo, “queremos ser exemplo de igualdade, que os nosos mozos e mozas o teñan o respecto moi arraigado. “Contra a violencia machista, viva Vigo igualitario”.
Durante o acto, emitiuse un vídeo colaborativo protagonizado por estudantes de 9 centros. O alumnado que participou representa os distintos pasos que se poden dar nesa escala de violencia de xénero, cun guión versionado da historia do conto de “Pepa e Pepe” (de Carmen Ruíz Repullo). Este traballo ten por obxecto facer unha chamada de atención para previr estas manifestacións e parar esta escalada de violencia.
Outra das accións organizadas este ano -na que participaron 29 centros educativos - é unha exposición colectiva creando un slogan contra a escala da violencia. Cada mensaxe representará un chanzo nesa escala de violencia que se mostrará en formato exposición na zona peonil do Calvario desde o 25 de novembro pola tarde ata o día 30 de novembro. O acto desta mañá rematou coa presentación do Tapiz virtual enlazavigo contra a violencia de xénero 2020: a mocidade viguesa contra a escala da violencia de xénero” que consiste en mostrar que temos mapeada Google Maps cunha “pica” que indica o centro de secundaria e a lona co slogan co que participaron neste proxecto.